"Escrache institucional" contra os deputados do PP que avalaron a quita

Carteis contra os deputados do PP que votaron a favor da quita © BNG

O BNG promove en numerosos concellos do país mocións coas que pretende "declarar persoas non gratas" os deputados galegos que aprobaron a quita das participacións preferentes. Os grupos municipais nacionalistas de Compostela ou A Coruña, pero tamén doutros moitos municipios, xa anunciaron a súa intención de levar esta proposta aos vindeiros plenos coa que pretenden a reprobación dos quince parlamentarios do PPdeG que no Congreso "avalaron co seu voto" o que o Bloque considera "un atraco a man armada".

"Os quince deputados do PPdeG incumpriron os seu compromisos co pobo", denuncia o BNG

“Estes 15 deputados e deputadas do PP incumpriron os seus compromisos co pobo ao votar a favor deste Real Decreto que supón un atraco sobre os aforros de centos de persoas na nosa cidade e milleiros en Galiza que tiñan cartos investidos nas antigas caixas de aforro e hoxe ven como desaparecen”, indicou este mércores Avia Veira, concelleira do BNG na Coruña, nunha declaración idéntica á que xa fixera Rafa Vilar, concelleiro nacionalista en Compostela.

As mocións que o BNG irá presentando nos vindeiros días nos municipios galegos defenden que cada un dos concellos "rexeite o Real Decreto 6/2013 que autorizou as quitas e as canxes, que supoñen a perda do 43% dos aforros". “Parécenos un feito gravísimo o feito de expropiar o peto de pequenas aforradoras”, asegurou Avia Veira, que cre que a quita “ten unha grave consecuencia na economía local e galega porque son cartos que se perden”. O Bloque considera esta medida  un “escrache institucional” para "sinalar os responsábeis" desta medida que cren un engano.

O BNG ve nas súas mocións "un escrache institucional" para "sinalar os culpábeis da estafa"

“O PP pasou de ser cómplice da banca especuladora a culpábel do espolio do aforro dos galegos e das galegas e os responsábeis teñen nomes e apelidos”, asegura o BNG, que inclúe na sua protesta carteis nas que se acusa de "cómplices" aos deputados do PP. Ademais, o Bloque enumera os responsables de "legalizar esta estafa". Son: Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan De Dios Ruano, Joaquín García, Jaime de Olano, Olga Iglesias, Celso Delgado, Guillermo Collarte, Ana Belén Vázquez, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago, Telmo Martín e  Marta González Vázquez.

Cartel do BNG contra os deputados do PP que avalaron a quita © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.