España prevé pedir o rescate xusto despois das eleccións galegas

De Guindos e Rajoy, na Zarzuela © Goberno de España

O rescate está ao caer, pero pedirase, con case total seguridade, logo das eleccións galegas e vascas do vindeiro domingo. Así o aseguraron e aseguran agora diversos diarios citando fontes diplomáticas europeas nunha predición que coincide cos movementos nos mercados, a caída da prima de risco por baixo dos 400 puntos e a suba da Bolsa, indicios todos eles que semellan indicar que a petición de axuda por parte do Gobeno é inminente. Será axiña, pero se cadra non tanto como para que se anuncie antes dos comicios.

Fontes diplomáticas europeas aseguran que o rescate chegará a semana que vén, tras o cumio europeo de xoves e venres

O pasado sábado era a axencia Reuters quen aseguraba que a petición formal de rescate chegaría no vindeiro mes de novembro. Nesta ocasión é o prestixioso diario francés Les Echos o que, citando declaracións de diplomáticos europeos a AFP, apunta a que esta petición chegaría xa a semana que vén. Antes, no cumio europeo do xoves e venres, aclararíanse as condicións que se lle esixirán a España a cambio da axuda.

As fontes diplomáticas citadas por Les Echos lembran que esta axuda permitirá activar as compras de débeda do BCE e aclaran tamén os tempos que manexa o Executivo do PP para a petición de rescate. "Non penso que a solicitude se vaia formalizar no cumio europeo, pero nesta cita si se aclararán as condicións que se lle esixirán a España a cambio da axuda", asegura. Os tempos coincidirían co temor da oposición ao PP, que leva meses advertindo dunha petición de axuda que se aprazaría até despois das eleccións por temor a un golpe electoral dos populares.

A suba da bolsa e a baixada na prima de risco achegan a petición de rescate por parte de España

"As cousas evolucionan", di o diplomático europeo, mentres as informacións sobre esta petición fixeron repuntar as bolsas europeas. Esta mesma fonte aclara que España podería apelar ao novo dispositivo, que combina intervencións sobre os mercados da débeda dos fondos de rescate da zona euro, o mecanismo europeo de estabilidade, e do BCE. Con isto, o Estado buscaría facer baixar as taxas de interesa da débeda pública.

Malia que a idea destas fontes é que o rescate será solicitado xusto despois das eleccións autonómicas en Galicia, tampouco descartan que a petición se active xusto despois de rematar o cumio, o que coincidiría coa xornada de reflexión previa aos comicios.

Mentres, a prima de risco española baixaba este mércores dos 400 puntos básicos por primeira vez en seis meses, desde o pasado 4 de abril, ante a posibilidade da petición de rescate por parte do Estado á UE. Así, o interese do bono español a dez anos chegou a caer ao 5,52%, ao tempo que o alemán subía ao 1,6%, un dato máis que fai pensar na chegada inminente da axuda, pero tamén das graves consecuencias que podería ter para a sociedade española.

De Guindos e Rajoy, na Zarzuela © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.