"Este Goberno non ten un modelo produtivo para saír da crise"

Jorge Fabra, membro fundador de Economistas Frente a la Crisis © Enric Catalá

Economistas Frente a la Crisis constituíuse en setembro de 2011 como unha plataforma de economistas críticos "preocupados coa interpretación predominante da naturaleza da crise, o seu diagnóstico e os principios que están informando a súa xestión", unha corrente cuxa orixe eles detectaban nas políticas desreguladoras do Reino Unido e os Estados Unidos na década dos oitenta. Cunha actividade cada vez máis intensa e influínte, celebraron en maio a súa primeira Asemblea xeral, escollendo unha Xunta Directiva encabezada por Jorge Fabra, ex presidente do Colexio de economistas de Madrid e ex presidente de Red Eléctrica Española, con quen falamos.

Ao longo desta semana Economistas Frente a la Crisis realizará varias presentacións en Galicia, nas que participará Jorge Fabra. Este martes en Lugo, no salón de actos da Deputación Provincial, coa participación dos economistas Mónica Melle Hernández, Alfonso Prieto Prieto e do secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro. O mércores o acto terá lugar na Coruña, no salón de actos da Cámara de Comercio, nun acto presentado por Manuel Lago e no que intervirán Julio Rodríguez López e José Ignacio Pérez Infante. Finalmente, o xoves terá lugar a presentación en Santiago, no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, coa intervención do expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e de Josep Borrell, que ofrecerá uha conferencia titulada “De la crisis del euro a la crisis de Europa”.

Será o 2014 o ano da saída da crise ou do inicio da recuperación?

Non vai ser o ano da saída da crise, ogallá o fose. Eses brotes verdes, como se di, son moi febles e son insuficientes para mitigar o máis grande problema, que é o paro e a destrución do estado de benestar, que está chegando a uns extremos insoportables. Hai que ser optimistas, o Goberno fai ben en ser optimista, pero hai que ter moito coidado en sermos triunfalistas. A crise está producindo feridas moi profundas. O tempo vai pasando, vai acabando coa resistencia da poboación; a solidariedade, que é un elemento cultural do noso país, estase esgotando. A saída da crise, que non será en 2014, vai deixar un panorama moi diferente ao que coñecemos.

"A crise está producindo feridas moi profundas. O tempo vai pasando, vai acabando coa resistencia da poboación; a solidariedade, que é un elemento cultural do noso país, estase esgotando"

Pódese crear emprego sen crecemento económico ou crecendo só unhas décimas?

Depende ao que lle chamemos emprego ou do tipo de emprego. A calidade do emprego estase deteriorando dunha maneira terrible, cando vemos caer as cifras do paro, en realidade eses datos o único que nos din é que cae a poboación activa, e que hai polo tanto unha destrución do mercado de traballo. O emprego é dunha calidade baixísima, con cada vez máis contratos a tempo parcial. Se ese tipo de traballo se lle pode chamar emprego, daquela pode que si se cree algo até 2016, aínda que a economía creza por debaixo do 2%.

"A produtividade depende dos empresarios e lamentablemente temos un panorama empresarial moi ineficiente"

Como se mellora a produtividade e a competitividade das empresas, que sempre se sinalou como un dos grandes problemas da economía española?

O concepto de produtividade é un concepto moi complexo e pensar que a produtividade se aumenta baixando os salarios é un completo erro. A produtividade depende dos empresarios e lamentablemente temos un panorama empresarial moi ineficiente. A produtividade non depende dos traballadores, depende da capitalización tecnolóxica e financeira das empresas e tamén da organización do traballo, e estes son elementos que dependen do empresario. Non temos traballadores con salarios que non dependan da súa propia produtividade. A reforma laboral agudizou a crise cunha desvalorización salarial, que é o principal compoñente da demanda agregada. A propia reforma laboral é unha reforma procíclica que agudiza a crise. A reforma laboral tamén lles ofrece unha saída fácil aos empresarios para a súa crise. Se non tivesen a posibilidade de despedir traballadores ou de baixar salarios, terían que ter buscado a maneira de abrir mercado, incrementar a súa capitalización tecnolóxica ou de mellorar o seu produto.

"A teoría da austeridade expansiva é unha fraude académica. Non é ciencia, é ideoloxía"

A pesar de anos de austeridade, a débeda pública crece máis ca nunca...

A teoría da austeridade expansiva é unha fraude académica. A falsa austeridade está agudizando a crise, aumenta o paro, diminúe a capacidade de recadación fiscal e inicia un círculo vicioso. Estas teorías son un enorme fracaso, que está sendo refutado pola realidade. Non é ciencia, é ideoloxía.

Na súa opinión, estanse tratando os grandes problemas de base da economía española: o sistema financeiro e a ausencia dun modelo produtivo alternativo ao da construción? Ou en realidade pasamos do ladrillo á nada?

O Goberno non está reflexionando en termos de saída da crise, non está reflexionando sobre cal é o modelo económico que debemos poñer en marcha para substituír ese piar que se desinflou. A crise vén da man da desregulación financeira, vén da man dunha gobernanza corporativa na que se instalou a especulación de curto prazo, con xestores e executivos que exercen o dereito de propiedade, que pertence aos accionistas, e que desenvolveron unha cultura de curto prazo, de toma o diñeiro e corre. Un modelo nacido da desregulación e da privatización dos servizos básicos, como pode ser o sector enerxético. E non se está facendo nada para atacar este problema de base.

"O problema do deficit tarifario débese á sobre-retribución que están recibindo as enerxías históricas, sobre todo as nucleares e as hidroeléctricas"

Como se soluciona a situación do sector eléctrico?

O sector eléctrico é o corazón de todo o sector enerxético, e o que está pasando é que se están tentando poñer en marcha solucións en base a un mal diagnóstico. Dise que o déficit tarifario, que é unha débeda insostible contraída polos consumidores en relación coas empresas eléctricas, é debido ao custe da primeira xeración de enerxías renovables. Isto é unha manipulación. Os custes foron moi elevados, por suposto, como cando arrancas un coche, pero eses cartos foron achegados polo Estado. O problema do deficit tarifario débese á sobre-retribución que están recibindo as enerxías históricas, sobre todo as nucleares e as hidroeléctricas. Os investimentos realizáronse sobre todo nos anos 80, cando as expectativas de crecemento eran menores, polo que estas empresas xa foron retribuídas de forma sobrada a través do maiores prezos da enerxía. Os consumidores pagamos cada ano entre dous mil e tres mil millóns de euros de máis cada ano. Todo isto unido a unha serie de procesos e regulacións, coma a poxa de enerxía, que fan que os prezos se encarezan sen achegar elemento positivo ningún.

E, ademais, coas últimas decisións puxéronse máis obstáculos ás enerxías renovables, que eran un sector punteiro no que España podía presumir...

Este Goberno non ten un modelo produtivo para saír da crise. E nese novo modelo produtivo non hai dúbidas de que cómpre un novo modelo enerxético. O feito de ter achegado inseguridade xurídica ao sector vai constituír un handicap, xusto nun momento no que as enerxías renovables de segunda e terceira xeracións xa son competitivas fronte ás súas alternativas térmicas. Ademais achegan tecido industrial, tecido social, innovación, tecnoloxía e serían eficaces para combater a principal ameaza que temos no planeta, que é o cambio climático.

"Hai que recuperar os estímulos fiscais e dirixilos cara aos sectores nos que España ten vantaxes competitivas. En Galicia, por exemplo, hai vantaxes competitivas no sector dos estaleiros e tamén no sector das enerxías renovables"

Que medidas urxentes e claves habería que poñer en marcha para buscar unha saída da crise na que se recupere o emprego e o nivel de vida previo a 2008?

Hai que recuperar os estímulos fiscais e dirixilos cara aos sectores nos que España ten vantaxes competitivas. En Galicia, por exemplo, hai vantaxes competitivas no sector dos estaleiros e tamén no sector das enerxías renovables. Hai que recuperar o peso da industria no noso PIB e non se debe abandonar completamente o sector da construción, non podemos pasar de todo á nada. É envexable o proxecto que Hollande puxo en marcha en Francia baixo o título de Reinventar Francia, identificando 34 proxectos con produtos concretos nos que Francia ten vantaxes competitivas para modificar a súa industria. Isto, independentemente de que Hollande se convertese nunha decepción para a esquerda europea ao deixarse seducir pola políticas ortoliberais alemás. É necesaria tamén unha profunda reforma fiscal que teña capacidade para incrementar a recadación e os recursos do Estado, para poñer en marcha eses estímulos fiscais sen incrementar os desequilibrios das contas. E é necesario recuperar as institucións do mercado de traballo e os convenios colectivos.

Jorge Fabra, membro fundador de Economistas Frente a la Crisis © Enric Catalá

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.