Europa acepta o rescate directo á banca española

Xefes de Estado e Goberno, no Consello Europeo © Consello Europeo

Alivio para España. Logo de horas de reunións e de madrugada, os líderes dos estados da zona euro alcanzaron un acordo para diminuír a presión dos mercados sobre a débeda, tanto a española como a italiana. Finalmente, accedeuse a que o fondo de rescate poida recapitalizar directamente a banca española, aínda que isto ocorrerá cando o Banco Central Europeo (BCE) pase a ser o supervisor único das entidades financeiras.

O fondo de rescate recapitalizará directamente a banca cando o BCE pase a ser o supervisor único das entidades

Será daquela cando se prescinda da intermediación do Estado e, xa que logo, se elimine a influencia que o crédito de até 100.000 millóns ten sobre o déficit e a débeda pública española. O paso, importantísimo para a unión bancaria europea, acabará de darse a final de ano.

Do mesmo xeito, os fondos cos que se canaliza a recapitalización da banca española (o Fondo Europeo de Estabilidade Financeira e logo o Mecanismo Europeo de Estabilidade) xa non terán carácter de acreedor preferente ao reclamar as débedas, unha cuestión que provocara a fuxida de investidores. Así, flexibilizaranse os requirimentos para que os dous fondos europeos de recscate poidan comprar débeda no mercado secundario dos países que cumpran cos axustes e as refromas fiscais.

A decisión supón un alivio para España e Italia logo dunha reunión "tensa e dura"

Irlanda, Italia e España respiran aliviadas e a satisfacción de Rajoy, que aínda non fixo declaracións, era evidente tras unha reunión que varias fontes cualificaron de “dura e tensa”, entre ellas o primeiro ministro italiano Mario Monti. A noticia levou a euforia á Bolsa, o Ibex dispárase o 4% e a prima de risco baixa a niveis inferiores aos 500 puntos.

Xefes de Estado e Goberno, no Consello Europeo © Consello Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.