Feijóo anuncia que Pemex encargará buques en Navantia pero os sindicatos non se fían

Feijóo, co conselleiro delegado de Pemex en España © Xunta

A Xunta vén de anunciar a “ampliación” do acordo estratéxico ao que chegou hai algunhas semanas coa petroleira Pemex, polo que a compañía mexicana solicitará a principios de xullo ofertas de orzamento a Navantia-Ferrol e outros estaleiros galegos para a construción de buques quimiqueiros no país.

Así o anunciou o presidente Alberto Núñez Feijóo antes de participar nun acto aos medios, aos que aclarou que a ampliación do acordo comezou a lograrse o pasado venres, durante a xuntanza co conselleiro delegado de Pemex en España, José Manuel Carrera Panizzo. Sería unha boa noticia para o naval ferrolán, en pé de guerra pola falta de carga de traballo, pero tamén polos anteriores anuncios que situaban os proxectos da empresa azteca nos estaleiros de Vigo, pero ningún nos do norte do país. Porén, os sindicatos non se fían.

Os sindicatos lembran a Feijóo que xa anunciou varios acordos "que non se dan confirmado", como a alternativa ao tax-lease

Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa de Navantia, asegura que de ser certo o adiantado por Feijóo suporía unha boa noticia para os traballadores, máis tendo en conta que os buques quimiqueiros achéganse máis ao produto que fabrica a compañía que os remolcadores anunciados para Vigo. No entanto, tamén critica que Feijóo se dedique a anunciar proxectos que non están aínda confirmados. “Polo que nos transmiten, a empresa aínda non ten coñecemento ningún dese acordo”, explica este sindicalista de CCOO, que cre que as noticias que saen da boca do presidente da Xunta “son anuncios enmarcados dentro de anuncios”. “Hai un mes que asegurou que o do tax-lease estaba arranxado e aínda seguimos dándolle voltas”, lembra.

A CIG cre que é "un globo sonda" e pregúntase como pensa Feijóo enganar a UE se os barcos non son militares

Máis duro é Manel Grandal, secretario comarcal da CIG en Ferrol e membro da sección sindical de Navantia, que cualifica as palabras de Feijóo doutro “globo sonda co que intenta sobrevivir o PP”. “O presidente dispara a todo o que se move; agora fala de dous quimiqueiros, un tipo de barcos que terían que ser encargados a través da Armada ao non ser militares... Pensa que en Europa son parvos? Como os vai enganar?”, pregúntase. “Isto é terrible”, asegura.

Ademais, Grandal teme que Feijóo estea a empregar unha táctica para acabar “botando balóns fóra” e “botándolle as culpas a Navantia”. “Terá que competir con Vulcano ou Barreras, algo que ten moi difícil”, recorda, antes de pedirlle á Xunta “que arranxe o que ten que arranxar e que se deixe de parvadas”. “Seguimos sen saber nada do tax-lease nin do dique frotante”, remata. “Estannos maltratando”, engade.  

"Que a Xunta arranxe o que ten que arranxar e que se deixe de parvadas"

Porque a petición de orzamento para os buques debería facela Pemex a través da Armada mexicana para sortear así o veto á construción civil dos estaleiros públicos de Ferrol. Para Feijóo, este principio de acordo “pode concretar a esperanza de que Navantia inicie unha recuperación de pedidos e poida resolver o seu problema de levar sete anos sen contratos”, presumiu o xefe do Executivo galego, que cre que a “alianza estratéxica” con Pemex é “unha mensaxe internacional”.

Do mesmo xeito, Feijóo asegurou que “se concretan con maior exactitude” as datas para a construción en Galicia dos 14 remolcadores anunciados hai xa semanas e que, segundo os cálculos da Xunta, poderían supoñer até 2.500 postos de traballo para o naval. “Unha esperanza de recuperación”, remarcou. Ao mesmo tempo, e co mesmo ton optimista, o xefe do Executivo cre que Pemex “segue avanzando na súa decisión” de converter o porto exterior de Punta Langosteira como a súa base loxística en europa, así como a opción de que a firma acabe por mercar un barco frotel que está en construción nos estaleiros galegos.

“A ampliación do acordo supón un investimento importantísimo e a esperanza para que os estaleiros de Ferrolterra teñan fundadas expectativas de futuro”, rematou Feijóo.

Miles de persoas apoiaron aos traballadores do naval de Ferrolterra CC-BY-SA CIG
Feijóo recibe o director de Pemex no Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.