Feijóo carga contra Navantia e recórdalle que foi a Xunta quen negociou o flotel

Feijóo, no cruceiro máis grande do mundo en Vigo © Xunta

Feijóo carga contra Navantia e únese ás críticas do seu partido e doutros membros do Goberno galego contra a decisión da empresa estatal de trasladar parte da construción do flotel de Pemex encargado ao estaleiro de Ferrol ao de Puerto Real en Cádiz. Nun acto en Vigo, onde visitou o cruceiro máis grande do mundo atracado no peirao, o presidente da Xunta advertiu que xa manifestou o seu "desacordo e malestar" á compañía pola súa decisión "unilateral" que, di, non está "en condicións de admitir".

Feijóo di que non está "en condicións de admitir" esta decisión "unilateral" de Navantia

O xefe do Executivo galego recoñeceu que se enterou do anuncio que Navantia fixo aos traballadores polos medios de comunicación. "Navantia volveuse equivocar gravemente", asegurou, tras lembarlle que en Ferrol "a carga de traballo é manifestamente insuficiente" e que "toda Galicia sabe que o barco foi unha xestión do Goberno galego co mexicano no que o Goberno central nos axudou".

"Non sería tan importante se todos tivesemos unha carga de traballo razoable, pero Ferrol non ten a suficiente como para poder desprenderse nin tan sequera do 2% que supoñen as pezas trasladadas do flotel", insistiu Feijóo, tras instar a dirección de Navantia a "explicarse agora ante o pobo galego".

"Ferrol non ten a suficiente carga de traballo como para poder desprenderse nin tan sequera do 2%", di o presidente da Xunta

Ao tempo, o comité de empresa de Navantia na ría de Ferrol teme máis traslados de carga de traballo a outros estaleiros e acusou o Goberno e á dirección da compañía de provocar enfrontamentos localistas. Segundo lles manifestou aos traballadores, a intención da firma estatal é desviar oito dos 86 bloques da embarcación ao estaleiro de Puerto Real, malia que o Goberno galego vendeu esta operación como unha das solucións para paliar a falta de carga de traballo en Ferrolterra.

Os repartos da carga de traballo entre os diferentes estaleiros de Navantia no Estado é algo habitual, pero os sindicatos critican que chegue cando a maioría dos traballadores están afectados por baixa actividade e, sobre todo, despois de que a Xunta de Galicia presumise dun contrato que dixo apadriñar e conseguir grazas aos seus acordos de colaboración co Goberno de México.

Foi o pasado mes de maio cando o corte de chapa do flotel daba inicio a un encargo que debía dar traballo a entre 300 e 400 operarios durante uns 29 meses nos que se completarán máis dun millón de horas de traballo. Son moitos menos dos "3.000 empregos para os próximos dous anos" que Feijóo prometera naquel preacordo con Pemex de setembro de 2012 e tamén menos dos 1.300 empregos directos cos que conta o estaleiro. Ademais, a incidencia desta construción sobre as auxiliares, nas que se despediron unhas 4.000 persoas nos últimos anos, será moi pequena.

Feijóo, na súa visita ao cruceiro máis grande do mundo en Vigo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.