Feijóo e o PP rebélanse agora contra Navantia, que volve darlles 'portazo'

Rey Varela e outros cargos do PP, ante a SEPI en Madrid © PPdeG

Un novo portazo de Navantia. Desta vez a cargos públicos do PP de Ferrolterra e a súa contorna que viaxaron a Madrid para se manifestar na sede da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) e onde mantiveron unha xuntanza con José Manuel Revuelta, presidente da empresa pública de estaleiros, que non garantiza carga de traballo para a ría.

O alcalde de Ferrol lidera unha protesta ante a SEPI xunto a outros cargos públicos do PP da zona de Ferrolterra

"Non se nos garantizou carga de traballo", manifestou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que volveu culpar de "ineficacia" á dirección de Navantia tras unha polémica protesta de alcaldes e concelleiros populares que foi criticada pola oposición e polos traballadores de Navantia, que os despediron entre asubíos por considerar que é oportunista e que racha coa unidade de acción. Os presentes en Madrid pretendían tamén que se retirase o plan estratéxico que a empresa presentará o vindeiro 4 de decembro para "establecer medidas de carácter estratéxico, garantindo siempre o emprego".

Os concelleiros e alcaldes do PP insisten en pedir a dimisión do presidente de Navantia ou en que sexan destituídos de non garantirse emprego

De non retirarse o plan e non garantir emprego, Rey Varela optou por pasar de falar de dimisión dos altos cargos de Navantia a "falar de destitucións". Fíxoo tras unha xuntanza no que o acompañaron rexedores e cargos municipais do PP de Cerdido, Valdoviño, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume, ademais do presidente da Deputación da Coruña ou parlamentarios e senadores.

En definitiva, Navantia volveu deixar sen esperanzas a Ferrolterra. "Moitas misións comerciais e moitas expectativas pero poucas realidades", queixouse o alcalde de Ferrol, que denunciou tamén que non lle explicasen "con suficiente claridade" a causa de que a construción de catro gaseiros para empresas españolas non acabase na empresa estatal. "Din que o proceso segue aberto, pero iso contradí outras informacións", lembrou.

Rey Varela anunciou que os cargos do PP "apoiarán con toda intensidade" as mobilizacións dos sindicatos "sen dar un paso atrás" e tras pedir a dimisión do presidente de Navantia. Ao tempo, Feijóo abriu a porta a que as empresas aproveiten os terreos sen utilizar dos estaleiros ferroláns para que empresas privadas poidan "investir" na zona.

Rey Varela di que os cargos populares "apoiarán con intensidade" as mobilizacións sindicais "sen dar un paso atrás"

Logo de repasar as propostas da Xunta para Navantia, e que serán trasladadas á SEPI, o presidente da Xunta insistiu na "especialización" dos estaleiros e a "potenciación" das instalacións sen  uso para traballos de eólica mariña ou buques off-shore. "É un tema analizado polo bipartito e que ten bastante sentido", concedeu incluso quen adoita citar o goberno PSdeG-BNG para criticalo.

Incluso Feijóo non descartou unha posible segregación dos estaleiros de Navantia. "O futuro non está escrito", dixo, tras advertir de que hai "moitos intereses en xogo" e de que Galicia "xoga os seus". Tamén insistiu enque o plan estratéxico de Navantia "debe asegurar" que "cumpre as condicións exixidas para o levantamento do veto á construción civil en 2015". "Non facelo sería un lastre permanente", engadiu, tras insistir varias veces en que os estaleiros galegos deben ser capaces de competir con China, Xapón e Corea. "Non só en calidade, senón en prezo".

Rey Varela e outros cargos do PP, ante a SEPI en Madrid © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.