"Feijóo é un ilusionista que fai ver unha realidade distinta da que hai"

Enrique Negueruela, secretario de Economía da Executiva do PSdeG © PSdeG

O secretario de Economía da Executiva do PSdeG-PSOE, Enrique Negueruela, analiza con pesimismo a situación do mercado laboral en Galicia que, segundo os últimos datos da EPA, alcanza unha taxa de desemprego do 21,3% e case os 280.000 parados. Censura o desmantelamento das políticas activas de emprego e critica que Feijóo se centre en conter o déficit e non teña "plan ningún" para reactivar a economía.

Feijóo segue presumindo do diferencial con España en canto á taxa de paro galega.

Cando Feijóo di iso, creo que esquece como son as cousas. Desde que chegou á Xunta, o único do que foi capaz é de que o paro medrase a maior ritmo que en España, aínda que sexa certo que a taxa está por debaixo da media do Estado. Curiosamente, presume dun dato que non se debe a el. Paréceme pouco serio.

"Feijóo presume do diferencial co Estado na taxa de paro, un dato que non se debe en ningún caso á súa acción política"

Non se debe en ningún caso ás súas políticas?

Ese dato non se debe en ningún caso á súa acción política. Se botamos unha ollada a como evolucionou o paro durante o goberno bipartito e durante o que seu Executivo, as cousas quedan claras. O paro medrou un 1,1% en Galicia co bipartito e un 8% no Estado e foi aí onde se recortou o diferencial co Estado. Con Feijóo, a taxa medra máis que en España.

Por que non hai nin unha soa boa noticia sobre emprego en Galicia?

Polo tipo de políticas que se fan, que son de contención do déficit, pero o curioso é que tampouco se está a conter. A débeda con Feijóo medrou igual que no resto de comunidades, polo que tampouco hai ningún avance nese ámbito. Feijóo é un ilusionista porque fai ver unha realidade distinta da que é. Non é un político porque non dá solucións nin plantexa estratexias, só é un ilusionista que conta unha verdade distinta e a xente cre nela.

"Feijóo céntrase en conter o déficit, pero a débeda con el medrou igual que no resto de autonomías"

Tampouco os Orzamentos semellan conter mecanismos para reactivar a actividade económica e o emprego...

Os Orzamentos son un desastre. Feijóo en Galicia está a facer a mesma política de Rajoy no conxunto do Estado, pero el aínda empezou antes. O primeiro que fai é non empregar fondos en políticas activas de emprego que proveñan da recadación tributaria, senón só aqueles que veñan do Estado ou de Europa. Galicia non compromete a Xunta nas políticas de emprego e quita todos os fondos.

A conselleira de Traballo dixo que as políticas activas de emprego non creaban emprego.

O primeiro que deixou claro o seu pensamento foi Feijóo cando asegurou que non tiña competencias en emprego, o que é moi forte. Ademais de prescindir das políticas, tamén prescinde da posibilidade de que se leven a cabo, porque elimina persoal das oficinas de emprego e sen persoal é imposible facer políticas. Ademais, se se repara no orzamento destinado á orientación laboral, vemos que pasa dos 20 millóns de 2009 aos a 7,4 de agora, menos da metade. Non é só que haxa menos persoal nas propias oficinas, senón que o programa de orientación é a metade do que era, polo que tampouco hai persoal nos sindicatos, nin nos concellos nin nas entidades especializadas. Varrérono todo.

Ve algunha posibilidade dun cambio de rumbo na Xunta?

O cambio non o vexo, pero tampouco a capacidade de levalo a cabo. O enfoque de políticas que fan é clientelar, non de solucionar os problemas. As políticas activas de emprego están en función de obxectivos clientelares e lévano facendo desde que chegaron. Menten máis que falan.

"A alternativa está en potenciar os mercados locais de emprego, pero o primeiro que fixo este Goberno foi eliminar este modelo"

Cal sería a alternativa?

O tema do emprego ten que ir de abaixo a arriba, analizar os mercados locais de emprego e buscar en cada un deles solucións de maneira consensuada, pero ese modelo tamén o eliminaron. Este modelo vén xa desde os anos 80, pero nunca se aplicou. Aínda así, o primeiro que fixo este Goberno foi acabar con toda a poítica de emprego local porque os programas de cooperación, que levaban perto de 70-80 millóns, nestes momentos dispoñen de 3 millóns de euros.

Daquela?

É un programa que pasa a ser anecdótico, cando debería ser un eixo central. Ademais, dáse a circunstancia que os concellos teñen pouca capacidade financeira para facer algo, que moitos desempregados precisan reconverterse e que moita xente está quedando sen prestacións. Hai que buscar un elemento que dea unha alternativa de futuro e esta debería pesar por estes mercados laborais locais, pero a posibilidade eliminouse.

"Feijóo non ten plan ningún para o emprego, o único no que pensa é en que pasen catro anos a ver se pasa algo que lle veña ben"

Cre que non hai unha aposta clara polo emprego desde a Xunta de Galicia?

Calquera política que se queira facer costa cartos e este Goberno o que non quere é meter cartos no emprego, senón noutras cousas. A situación é así. Non vexo posibilidades de que con Feijóo, co campión do déficit, se poida facer nada. Non ten plan ningún, nin plantexa nada nin por vía de impostos nin por ningunha vía. O único no que pensa é en que pasen catro anos a ver se entre medias pasa algo que lle veña ben. Cando Feijóo chegou á Xunta había máis de 80 barcos construíndose nos estaleiros galegos, pero el agora presume porque se cadra se fan un par de barcos de Pemex. E parécelle que é marabilloso.

As previsións apuntan a unha suba do paro nos vindeiros meses, non lle ve saída á destrución de emprego?

A situación véxoa moi mal. E tamén porque creo que a reforma laboral fixo todo o contrario que había que facer e xusto, ademais, cando non había que facelo. Abaratouse o despido salvaxemente, o que nestes momentos implica que aqueles traballadores que se mantiñan en moitas empresas polo medo destas ao custo de botalos fóra, estean agora perdidos. Abríuselles unha porta aos empresarios para que botasen xente.

E iso que a EPA non ten en conta a emigración dos mozos...

Non, non o fai e os datos son brutais, pero a política de emprego xuvenil do PP é unha maleta e un billete de avión. A maleta regálalla Feijóo aos mellores expedientes académicos de Galicia, pero ademais, neste mesmo ano, o Ministerio de Traballo vén de anunciar que financia os gastos de viaxe a aqueles que marchen a través da rede Eures. Iso é todo o que fixeron en emprego xuvenil.

"A política de emprego xuvenil do PP consiste en regalar maletas e billetes de avión"

Que lle pide á Xunta?

A min gustaríame que, polo menos, se empregase a cabeza, nin tan sequera que haxa grandes resultados, pero si cabeza. Teñen 100 millóns de euros para políticas de emprego, pero non teñen deseño ningún. Un exemplo: na provincia da Coruña, unha de cada tres opcións formativas que hai é para atención á dependencia e isto lévao a mesma consellería que se cargou a Lei de dependencia. Todo parece unha tomadura de pelo. O que vexo é unha enorme falta de goberno e de dirección.

Enrique Negueruela, secretario de Economía da Executiva do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.