Feijóo recoñece que fará máis recortes en partidas "prescindibles"

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Haberá máis recortes. Así o confirmou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que avanzou que o seu Goberno fará máis recortes en partidas que son "prescindibles" porque, segundo aclarou, hai que diminuír os gastos da Administración, os institucionais e os políticos "se é posible".

"Se os mercados se comportan con normalidade, non nos acolleremos ao fondo de liquidez estatal", asegura

Nunha entrevista concedida á Cadena Cope, o xefe do Executivo galego insistiu en que o seu obxectivo é non tocar os gastos esenciais en Servizos Sociais, Educación e Sanidade e volveu presumir da licitación de centros de saúde ou a ampliación de hospitais. Ademais, reiterou que Galicia non se acollerá ao fondo de liquidez estatal aínda que engadiu un condicional. "Se os mercados se comportan con normalidade, non (nos acolleremos ao fondo)", asegurou, tras lembrar que a comunidade autónoma "veu colocando a débeda pública que lle autorizou o Goberno central durante todos estes anos".

Aínda así, Feijóo xa propuxo unha solución ante un hipotético "peche dos mercados". "Se non se subscribe débeda para ninguén, sería necesario falar para que o Tesouro emita débeda e se distribúa ao resto de autonomías", dixo.

Feijóo cre tamén que o límite de débeda fixado para Galicia é dabondo "porque é unha repartición proporcional en base a criterios obxectivos de porcentaxe de débeda acumulada". "Parécenos suficiente porque encaixa dentro do cumprimento do déficit. Se Galicia se compromete csen dúbida a cumprir un déficit do 0,7%, a débeda que necesita entre ingresos e cumprimento, é a que outorgaron", destacou o xefe do Executivo, que acusou a algún presidente autonómico, en referencia aos de Andalucía e Catalunya, de buscar "un culpable" no Estado cando teñen que anunciar recortes e sacrificios nos seus territorios.

"Ademais de buscar un culpable exterior, ao que se lle chama despois por teléfono para pedirlle diñeiro e que acuda en socorro dos problemas autonómicos, sería bo buscar solucións e ese o obxectivo de calquera gobernante responsable", resumiu.

Tesoirada ao Parlamento

O presidente galego tamén fixo alusión á redución do número de deputados que pretende acometer no Parlamento e apuntou que con iso busca cumprir co Estatuto de autonomía que sinala que Galicia terá un número de parlamentarios entre 60 e 80. En concreto, propón unha diminución á "banda baixa" que fixa o Estatuto, algo que, segundo precisou, obedece a unha liña iniciada fai tres anos e medio na que se reduciu á metade o número de altos cargos, rebaixouse un 40 por cento o persoal de gabinete e recortouse dous terzos a administración paralela.

Feijóo xustifica a redución de deputados no cumprimento "estrito" do Estatuto de Autonomía

Desde o seu punto de vista, o Estatuto de autonomía débese aplicar no momento de "maior" desemprego do país. "Se o Goberno foi capaz de aforrar, o lóxico é que para a próxima lexislatura o Parlamento tamén sexa máis axustado dentro do cumprimento estrito do Estatuto", engadiu. Aínda así, resaltou que Galicia terá no próximo mandato o triplo de deputados por poboación que o Congreso dos Deputados.

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.