Ferroatlántica pacta a venda das centrais cos sindicatos estatais e presiona a Xunta

Factoría de Ferroatlántica en Cee © Greenpeace

Ferroglobe -resultado da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe- teima na venda das súas centrais hidroeléctricas galegas malia a clara negativa do comité de empresa delas e das fábricas de ferroaliaxe asociadas en Cee e Dumbría. A dirección do grupo de Villar Mir pactou este sábado coa representación sindical das empresas da firma no Estado -agás a CIG e o comité das factorías da Costa da Morte, que non participan nunha mesa de negociación que non recoñecen- un plan de emprego e investimentos de 200 millóns en toda España que implica a venda dos saltos de auga galegos

Ferroglobe pactou cos sindicatos do grupo -e coa ausencia da CIG e o comité de Cee-Dumbría- un plan de investimentos queu implica a venda das centrais

Foron UGT, CCOO, USO e Sindicato Unitario -que representarían máis do 70% da representación laboral segundo o grupo- os que aceptaron un plan industrial que pretende tirar dos fondos que obteña da venda das centrais en Galicia, unha operación vetada legalmente e que requiriría a autorización da Xunta para poder separar os activos. Para lograla, aumenta a presión sobre o Goberno galego e advirte xa que lle reclamará "axiña, de inmediato" a segregación das actividades para poder pechar a operación. 

Ferroglobe entende que este acordo cos sindicatos a nivel estatal é "legal" porque ten en conta as demandas da "maioría" do cadro de persoal do grupo. De feito, no pacto, tanto a empresa como a representación sindical aposta por "promover ante as administracións públicas que aproben coa máxima dilixencia todas as autorizacións necesarias" para levar a cabo o plan industrial. 

O cadro de persoal da Costa da Morte advirte que o acordo obvia o 75% de representación sindical en Galicia que rexeita o plan

Os representantes dos traballadores en Galicia xa advertiran, antes da reunión, que era unha "estratexia" de Ferroatlántica para buscar o apoio sindical e "lexitimar o seu ilegal proxecto". No cadro de persoal da Costa da Morte a indignación é total, advirten que se asinou un acordo obviando os sindicatos no país e que o 75% da representación sindical na comunidade xa amosou o seu rexeitamento ao plan industrial. Porque nin a CIG nin os delegados de Cee-Dumbría apoian o que consideran un teatro para xustificar a venda. 

Os trece membros do comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas -de CIG, CCOO e UGT- non aceptan estes plans da empresa, ao igual que a maioría dos representantes na planta de Sabón, que votaron en contra. Ao advertiren tamén aos seus compañeiros na mesa de negociación que ninguén negociaría por eles, o comité reivindica a ilexitimidade dun marco negociador que non recoñece. 

O texto asinado en Madrid advirte de "de non acometerse as iniciativas que se prevén no presente acordo, será necesario levar a cabo, ao igual que se fixo noutros países nos que opera o grupo, medidas urxentes que inclúen: o peche de instalacións cuxa viabilidade perde sentido sen investimentos a futuro (como Silico Ferrosolar), a deslocalización da actividade produtiva, a redución xeneralizada do cadro de persoal mediante a aplicación de ERE ou ERTE, a redución de custos laborais, recortes de investimentos que conducen á inviabilidade dalgunhas instalacións e outras medidas". 

No plan prevense varios investimentos, entre eles 118 millóns para a construción de dúas plantas de produción de silicio solar, unha delas en Sabón, ademais de 28 millóns para un novo forno e outras mellores en Cee-Dumbría, e nove millóns para unha planta de carbón vexetal na Costa da Morte. Tamén anuncia 14 millóns para dúas plantas de sinterización vinculadas á ferroaliaxe, ou 34 para mellorar varias factorías, entre elas as de Cee-Dumbría e Sabón. 

A Xunta insiste en que non ten unha proposta en firme da empresa, pero recoñece estar disposta a "analizala", no caso de que a presente.

 

A concesión que só a Xunta pode modificar

O cadro de persoal de Ferroatlántica considera que se estas centrais son vendidas a grupos alleos á empresa, as dúas factorías de ferroaliaxe en Cee e Dumbría acabarán por deixar de ser competitivas e por pechar. A compañía dá traballo a unhas 400 persoas, unhas 284 con contrato indefinido e arredor dun cento máis eventuais, e o seu peche suporía tamén a perda de varios empregos indirectos.

O certo é que Xunta é quen pode modificar unha concesión que é súa e abrir a porta ao proceso de venda no caso de que acepte esa desagregación que non é a primeira vez que intenta a empresa.

Sentenzas do TSXG e do Supremo certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e enerxética- son unha soa actividade produtiva

De feito, hai sentenzas do TSXG e do Supremo que certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva e que foron ditaminadas tras os recursos presentados por Villar Mir. O grupo empresarial propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado.

Daquela, o Goberno de Fraga e coa aprobación do Parlamento condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías.

En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica.

Feijóo falta con traballadores de Ferroatlántica ás portas do Parlamento © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.