Ferrol manifestarase este mércores polo futuro do naval

Manifestación unitaria en defensa dos servizos públicos e do naval en Ferrol CC-BY-NC Susete

O peche no Concello rematou pero non a presión social para esixir un futuro para os sector naval na ría de Ferrol. Este mércores unha gran manifestación percorrerá as rúas da cidade para protestar contra os recortes aprobados polo PP e para demandar carga de traballo para o naval. A marcha está convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG e partirá do Inferniño ás oito da tarde para rematar na Praza de Armas, diante do Concello. Os sindicatos lembran que nos últimos anos unha boa parte das empresas máis grandes teñen pechado, aplicado EREs ou despedimentos, "mentres os compromisos con Ferrolterra continúan sendo papel mollado", en palabras da CIG. O lema da marcha será "queren afundir a comarca. Impidámolo!".

A manifestación convocada para o mércores tivo un anticipo este luns. Ao redor de dez mil persoas manifestáronse en defensa dos servizos públicos e do sector público, nunha marcha unitaria na que a defensa do naval foi a gran protagonista. A SEPI anunciou a convocatoria da reunión da Comisión de Seguimento do dique flotante para o vindeiro 24 de outubro, xusto despois das eleccións galegas. Pero os traballadores continúan a desconfiar da convocatoria da xuntanza, xusto despois dos comicios, así como do resultado dela, polo que anuncian que seguirán coas mobilizacións. De momento o PP camiña con moitas precaucións na comarca de Ferrol e está convocando os seus actos para os medios de comunicación con pouco máis dunha hora de marxe para evitar a presenza de traballadores do naval que protestan pola situación do sector.

Ao redor de dez mil persoas manifestáronse en defensa dos servizos públicos e do sector público, nunha marcha unitaria na que a defensa do naval foi a gran protagonista

A acción unitaria de todos os sindicatos e colectivos sociais de Ferrolterra estenderase até o xoves. Ás 12 do mediodía haberá unha concentración unitaria diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza contra a represión exercida contra López Pintos, portavoz comarcal da CIG, durante a acción de protesta convocada polo Comité de Empresa de Navantia na noite na que daba comezo a campaña electoral.

A manifestación deste luns polas rúas de Ferrol CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.