Ferrolterra e a área metropolitana de Vigo, desangradas polo paro

Terminal de contedores do Porto de Vigo © www.marportactivities.com

As cifras de desemprego en Galicia (21,8% nas cifras da EPA do primeiro trimestre) sitúanse por debaixo da media española (23,8%). Con algunhas grandes excepcións: nomeadamente Ferrol (25,9%), Vigo (24,1%) e Pontevedra (24,7%) e algúns concellos das súas áreas de influencia. Se imos máis alá das cifras de paro ofrecidas pola EPA e analizamos directamente a evolución do número de traballadores e traballadoras ao longo da crise, a través do número de persoas inscritas como cotizantes da Seguridade Social, vemos que son sobre todo Vigo e Ferrol e as súas comarcas as que sufriron un impacto maior dende o ano 2007. Ferrol perdeu un de cada cinco empregos (o 20,46%), mentres que en Vigo se destruíu o 18,33%, ficando o resto das urbes por debaixo da media galega (14,44%).

 

Ferrolterra

Se analizamos o sucedido na comarca de Ferrol, vemos como a evolución seguida polo conxunto dos concellos é semellante á da cidade departamental. Se en 2007 sumaban 54.539 traballadores e traballadoras, na actualidade son 45.478, nove mil menos, e o sangrado chegou a ser maior, cun mínimo de 44.416 cotizantes en marzo de 2014. En conxunto, unha destrución do 16,61% dos empregos. Na comarca do Eume, a caída foi algo inferior, pero igualmente importante (16,11%), e na do Ortegal foi mesmo superior (22,9%). En total, as tres comarcas perderon 12 mil dos 69 mil cotizantes que sumaban antes da crise.

Concello por concello obsérvase unha importante destrución de emprego en todos eles, pero que acada cifras escandalosas nalgúns lugares, sobre todo aqueles cun maior peso da industria, como Somozas, Fene ou As Pontes

Concello por concello obsérvase unha importante destrución de emprego en todos eles, pero que acada cifras escandalosas nalgúns lugares, sobre todo aqueles cun maior peso da industria, como Somozas, Fene ou As Pontes: Cariño (29,25% cotizantes menos que en 2007), Somozas (28,92%), Ortigueira (23,68%), Fene (22,46%), As Pontes (22,15%), Cedeira (21,88%), A Capela (19,04%), Neda (17,99%) ou Mugardos (17,97%).

 

Vigo e a súa área metropolitana

O caso de Vigo e a súa área de influencia é moi semellante. A destrución de emprego rexistrada na cidade olívica (23 mil cotizantes menos, un 18,33%) reprodúcese nas comarcas da súa contorna. No Baixo Miño perdéronse outros catro mil (un 20,25%), no Condado outros tres mil (o 17,98%), no Morrazo case cinco mil (un 16,17%) e no conxunto da comarca de Vigo o descenso elevouse a trinta mil afiliados e afiliadas menos, o 16,99%. En total, 42 mil postos de traballo desaparecidos.

Na contorna de Vigo a destrución de emprego está encabezada por As Neves, Mondariz e Tui

Por concellos, a destrución de emprego está encabezada por As Neves (28,58% de cotizantes menos), seguida de Mondariz (25,93%), Tui (24,38%), Oia (23,35%), O Rosal (20,66%), Redondela (19,97%), A Guarda (19,23%), Ponteareas (17,8%) ou Nigrán (17%).

 

As sete cidades

No conxunto de Galicia, o número de afiliacións chegou a un máximo a mediados de 2007, con 1.061.746 inscritos e inscritas, caendo ata un mínimo de 890.813 en marzo de 2014, un descenso de 170 mil persoas, unha destrución de emprego do 16,1%

No conxunto de Galicia, o número de afiliacións chegou a un máximo a mediados de 2007, con 1.061.746 inscritos e inscritas, caendo ata un mínimo de 890.813 en marzo de 2014, un descenso de 170 mil persoas, unha destrución de emprego do 16,1%. Dende entón produciuse un tímido ascenso, de tan só 18 mil afiliados e afiliadas máis, ata os 908.412, unha caída do 14,44% dende o inicio da crise. 

O impacto da crise no emprego, medido na evolución das cifras de traballadores e traballadoras dados e dadas de alta como cotizantes á Seguridade Social, é moi distinto nas sete cidades, aínda que todas destruíron un número moi importante de postos de traballo, sobre todo entre a mocidade. Na Coruña, dende os datos de xuño de 2007 (96.603 afiliados) a cifra chegou a caer ata os 83.012, case 14 mil empregos destruídos, crecendo moi levemente ata os 84.119 actuais; unha destrución de emprego do 12,92%. En Ferrol, dende os 22.694 afiliados de xuño de 2007 pasouse aos 17.772 de marzo de 2014; dende entón, unha case anecdótica recuperación de 278 empregos deixou a cifra actual en 18.050 traballadores e traballadoras na cidade, cunha destrución acumulada do 20,46% dos empregos.

A pesar dunha leve recuperación nos últimos meses, en Ferrol e Vigo perdéronse un de cada cinco empregos dende o 2007

En Compostela o impacto foi menor: dos 39.050 afiliados e afiliadas de 2007 pasouse aos 35.127 de 2014 e os 35.837 actuais, cun descenso total do 8,22%. O mesmo que en Lugo, onde de 38.077 cotizantes en 2007 se pasou a 34.725 en 2014 e aos 35.204 en marzo de 2015, cunha destrución do 7,54% dos empregos totais. Peor foi a cousa en Ourense, o número de postos de traballo totais descendeu de 40.382 (2007) a 34.798 (2014), cunha leve recuperación nos últimos meses, ata os 35.216; en total, unha caída do 12,79%.

En Pontevedra, pola súa banda, a evolución foi dende os 30.478 cotizantes de 2007 aos 25.956 de 2014, crecendo na actualidade ata os 26.415; unha caída acumulada do 13,33%. Finalmente, en Vigo o número total de cotizantes, que chegara a ser de 122.166 en xuño de 2007, sufriu un forte descenso, de máis de 23 mil persoas, ata os 98.185 de marzo de 2014. Hoxe segue por debaixo de cen mil (99.769) e acumula unha destrución de emprego do 18,33%.

  A Coruña Ferrol Santiago Lugo Ourense Pontevedra Vigo
2007 96.603 22.694 39.050 38.077 40.382 30.478 122.166
2015 84.119 18.050 35.837 35.837 35.216 26.415 99.769
+/-% -12,92 -20,46 -8,22 -7,54 -12,79 -13,33 -18,33

Evolución do número de cotizantes á Seguridade Social entre xuño de 2007 e marzo de 2015. Fonte. IGE

Terminal de contedores do Porto de Vigo © www.marportactivities.com
Vista das instalacións de Navantia en Ferrolterra © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.