Ferrolterra sae á rúa unha vez máis en defensa do sector naval

A manifestación, polas rúas de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Ao redor de cinco mil persoas de Ferrol e a súa comarca manifestáronse este domingo unha vez máis en demanda de carga de traballo para o sector naval. A marcha, que percorreu as rúas do centro da cidade, entre o Inferniño e a Praza de Galicia, pechouse coa lectura dun manifesto a cargo do xornalista Nicolás Vidal, no que se destacou que a recuperación do naval é imprescindible para a solución da crise que vive a comarca dende hai décadas. O persoal de Navantia atópase en subocupación, e apenas hai emprego nas auxiliares, nas que non se están a cumprir os acordos de condicións de traballo asinados a comezos do ano 2000, segundo denuncian os sindicatos.

Na marcha, nun solleiro domingo na cidade naval, participou tamén un grupo de gandeiros cos seus tractores, unindo ás demandas do sector naval a reclamación de prezos dignos para o leite.

Xunto á descrición das moitas cifras que dan conta dos problemas que vive a bisbarra: despoboación (a cidade perdeu case oito mil habitante na última década), desemprego (a taxa máis alta de Galicia), envellecemento, emigración, peche de comercios (800 dende o 2010), e ao recordo das moitas promesas incumpridas dos gobernos español e galego, o manifesto final fixo unha serie de demandas concretas.

As reivindicación dos Comités de Empresa céntranse na reclamación de carga de traballo para os estaleiros, a construción do dique flotante, a elaboración dun plan industrial, o reforzo da fábrica de turbinas, a contratación de mozos e mozas e investimentos en I+D+i. Reclámase neste senso, o desenvolvemento con recursos materiais e humanos dun centro investigador que asocie os estaleiros coa investigación e a Universidade aproveitando o Centro de Innovación e Servizo (CIS) da Cabana.

O manifesto final lembrou tamén a cita electoral do vindeiro domingo e, sen facer unha petición concreta de voto, si fixo fincapé en que estes comicios serán o "momento de cambiar as políticas dos actuais gobernos". "O futuro depende de nós. Navantia somos todos", rematou o texto.

A pesar das renovadas promesas dos últimos anos, a realidade dos estaleiros da bisbarra e das súas empresas auxiliares pouco mudou. No verán produciuse a botadura do flotel encargado por Pemex, que deu traballo a apenas 500 persoas en Ferrol, moi lonxe das dúas mil prometidas nun comezo. Esta mobilización formaba parte do calendario de accións que foi aprobado en asemblea polos traballadores de Navantia nas últimas semanas, e que xa levou á realización dunha vixilia na Praza de Armas a pasada semana. Tamén na véspera das eleccións municipais do pasado 24 de maio se celebrou unha manifestación semellante.

Poucos días despois de comezar a actual campaña electoral, Navantia anunciou que chegara a un acordo cunha empresa australiana para finalizar tres destrutores, nos que colaborarán os estaleiros da Ría de Ferrol. Porén, este acordo apenas terá efectos sobre o emprego, pois os barcos están a construírse nun complexo industrial situado en Adelaida, no estado de South Australia. Ata alí viaxará un reducido grupo de técnicos da comarca de Ferrolterra, para achegar o seu know-how aos buques.

Gandeiros, en demanda dun prezo xusto para o leite, apoiaron a manifestación CC-BY-SA Praza Pública
Remate da manifestación CC-BY-SA Praza Pública
A manifestación, polas rúas de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública
Ao remate da marcha, leuse un manifesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.