Folga xeral nos estaleiros privados de Galicia e o Estado o 20 de xuño

Mobilización en Vigo en defensa do naval © CCOO

CIG, a federación de Industria de CCOO, MCA-UGT, CAT e ELA veñen de convocar unha folga xeral en todo o sector naval privado do Estado. Logo de que Comisións e UGT xa acordaran a celebración deste paro, e tras o ofrecemento da CIG para incrementar a presión e optar por un paro comarcal total en Vigo, finalmente houbo acordo e todas as centrais sindicais acordaron comezar as protestas con este intento de parar a actividade nas empresas e demandarlle así ao Goberno central que "afronte urxentemente a crítica situación pola que están pasando" os estaleiros.

O paro xeral afectará os oito estaleiros privados que operan en Galicia

A folga xeral está convocada para o vindeiro 20 de xuño e celebrarase en Galicia nos estaleiros privados de Factorías Naval de Marín, Metalship, Armon, H.J. Barreras, CNP Freire, F. Cardama, F. Vulcano e Valiña. Ademais, na convocatoria inclúese tamén Astican, en Asturias; Astander, en Cantabria; así como Construcciones Navales del Norte, Murueta, Zamakona, Balenciaga e Pasaia en Euskadi. Ademais, os sindicatos piden aos traballadores que secunden tamén as mobilizacións que se levarán a cabo nos centros de traballo desde esta mesma semana.

Os sindicatos reclaman a resolución "inmediata e favorable ao expediente incoado pola Comisión Europea do 'tax lease"

Con esta medida de presión, os sindicatos reclaman a resolución "inmediata e favorable ao expediente incoado pola Comisión Europea do mecanismo fiscal (tax lease) que operou en España no período 2002-2011" e piden tamén que se defenda o principio de confianza lexítima e seguridade xurídica ante a CE e "que se demostre que esas supostas axudas achegadas ao sector non deberían ser obxecto de devolución".

Os sindicatos convocantes tamén urxen que entre en vigor o novo tax lease, aprobado en novembro do ano pasado, e que se "fortalezan" os instrumentos de apoio ao sector naval como os fondos patrimonial de garantías e de reestruturación, liñas de crédito, a defensa do marco de axudas estatais e as primas á construción naval. Por iso, tamén piden que se convoque xa a messa da industria auxiliar para continuar cos obxectivos marcados.

Manifestación polo naval en Vigo CC-BY-SA CIG
O sector naval en Vigo atravesa unha grave crise Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.