Os problemas de demoras e cancelacións que viña arrastrando a compañía aérea Vueling os últimos días agraváronse durante a fin de semana, coincidindo coa operación saída de verán, ata o punto de que este domingo a Generalitat de Cataluña (Barcelona é a súa base de operacións e onde se están concentrando os problemas) convocou aos responsables da empresa a unha reunión a manter o luns para que cambien a súa “actitude”. Pouco despois o Ministerio de Fomento acabou anunciando a apertura dun expediente a través da Agencia Española de Seguridad Aérea (AESA).
O voo de Santiago a Zurich do sábado foi cancelado e os viaxeiros sairán o luns desde Porto mentres que outros varios voos sufriron importantes demoras
En Galicia, os problemas de Vueling chegaron ao punto de cancelarse o voo Santiago-Zurich que tiña prevista a súa saída o sábado. Os pasaxeiros pasaron a noite nun hotel da capital galega e foron desprazados este domingo a Porto, de onte está previsto que viaxen este luns cara á cidade suíza. Pero as demoras son xerais na maioría dos voos da compañía e este domingo rondaron en Galicia as dúas horas de media, segundo a información de AENA. Por exemplo, o voo de Santiago a Palma de Mallorca que tiña prevista a súa saída ás 14.20 horas saíu ás 16.26 horas. O da Coruña a Londres das 15.05 horas partiu ás 16.57 horas, e nese mesmo aeroporto o voo que tiña previsto chegar desde Barcelona ás 14.25 horas acabou aterrando ás 16.13 horas. Xa pola noite, o voo que tiña que chegar a Santiago desde Barcelona ás 22.35 aterrou ás 3.26 horas da madrugada deste luns, afectando tamén ao voo en sentido contrario que tiña que saír de Santiago ás 23.10 e acabou engalando ás 4.02 da madrugada. A mañá deste luns tamén comeza con problemas, co voo de Barcelona á Coruña que tiña prevista a súa chegada ás 9.30 facéndoo ás 10.20 horas, do mesmo xeito que tamén rexistraron demoras algo menores o seguinte voo con saída da Coruña cara Barcelona ou outro con chegada desde esa cidade a Vigo.
Un crecemento acelerado, un cadro de persoal demasiado axustado, unha mala planificación das operacións ou cambios na súa cúpula son algunhas das razóns que se barallan para os problemas que está a sufrir a compañía e que xa se rexistraron, aínda que a menor escala o verán pasado. Este domingo a compañía pediu desculpas aos seus usuarios e asegurou que a situación está mellorando.