Galicia, a comunidade onde máis sobe o paro no Estado

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Galicia é a comunidade autónoma onde máis subiu o paro no pasado mes de decembro. Malia o descenso do desemprego no conxunto do Estado, onde baixa un 1,2% e en 59.094 persoas, o número de cidadáns parados no país aumenta en 2.251, o que supón un incremento do 0,8% e sitúa o total de desempregados rexistrados nos 278.787.

O paro baixa no Estado un 1,2%, pero increméntase en Galicia nun 0,8%

Así, Galicia é o territorio con peores resultados, ao experimentar o maior incremento das únicas catro comunidades autónomas onde o desemprego creceu no pasado mes. Porque o paro baixou en 13 das 17 comunidades autónomas do Estado, unha tendencia xeralizada que racha polo alto a autonomía galega, que segue empeorando as cifras do conxunto do Estado.

A destrución de emprego en Galicia triplica á do resto de autonomías con datos negativos

De feito, o aumento no número de desempregados en Galicia é, con moita diferenza, o maior das catro autonomías con datos negativos, ao incrementarse en 2.251 persoas, fronte ás 523 de Cantabria, que a segue. O aumento de parados no país supera no triplo o incremento experimentado nas outras tres autonomías con cifras negativas. Entre Cantabria, Navarra e A Rioxa aumentaron en 675 o número de cidadáns que pasaron á lista de desempregados.

A provincia con maior aumento do desemprego no Estado é A Coruña, con 1.750 cidadáns máis que pasaron a incluírse nas listas do antigo Inem, o 77% de novos desempregados en Galicia. En Lugo creceu en 36 persoas e en Pontevedra en 555, mentres que en Ourense rexistrouse un descenso de 90 persoas, o único dato positivo para a comunidade. Así, no país hai 20.553 desempregados máis que hai un ano, o que supón un aumento do 7,96%. Dos case 280.000 parados que hai na comunidade, uns 220.000 concéntranse a case partes iguais nas dúas provincias atlánticas.

As pésimas noticias para Galicia chegan poucos días despois de que os Orzamentos da Xunta confirmasen que os fondos destinados pola autonomía para políticas activas de emprego descenderon en máis dun 40% con respecto ao ano pasado, contando con 140 millóns de euros para fomentar o traballo e a inserción laboral no país.

No conxunto do Estado, o paro rexistrado sitúase a finais de 2012 en 4.848.723 persoas, un 9,64 % máis que en 2011, segundo os datos publicados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. É o mellor dato rexistrado nun mes de decembro en toda a serie histórica, pero o desemprego subiu no pasado ano en 426.364 cidadáns.

O paro no Estado medrou en 2012 en ambos os dous sexos, pero máis entre as mulleres, con 228.195 novas paradas (+10,3%), fronte a un incremento do desemprego masculino de 198.169 homes (+9%), situándose así o total das donas en paro en 2.440.816 e o de varóns, en 2.407.907. Os datos intermensuais son algo mellores, ao descender o paro feminino en 50.773 mulleres e en 8.321 homes.

En Galicia, a distribución do total de parados (278.787) deita un dato maior para as mulleres, con 140.482, que para os homes (138.305). O groso dos desempregados ao termo de 2012 era maior de 25 anos (258.940), mentres que 19.847 tiñan menos de 25 anos.

Pola súa banda, a clasificación por actividades económicas en Galicia reflicte un maior número de persoas no paro no sector servizos, con 160.137. Séguenlle a construción (45.984), a industria (40.189), o colectivo de persoas sen emprego anterior (23.022) e a agricultura (9.455).

Baixaron en decembro os parados do sector servizos (757 desempregados menos) e os do colectivo de persoas sen emprego anterior (672 menos). No lado oposto, aumentaron, en primeiro lugar, os da construción (1.876 persoas máis); en segundo termo os da industria (1.259 máis) e por último os da agricultura (545 máis).

No caso do colectivo sen emprego anterior, cun total de 23.022 persoas, a maioría concéntrase nas mulleres (15.771 desempregadas), en comparación cos homes (7.251).

 

A Seguridade Social segue a perder afiliados

Ademais, a Seguridade Social pechou o ano 2012 cun descenso medio no Estado de 787.240 afiliados (-4,6%), logo de rexistrar en decembro 88.367 cotizantes menos (-0,5%), polo que o total de ocupados situouse ao final do exercicio en 16.442.681 afiliados. En Galicia, destruíronse 39.512 empregos nun ano (-4,09%), polo que a cifra de cotizantes no país segue a quedar por baixo do millón de persoas e sitúase nos 927.383 cidadáns.

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública
Paro rexistrado durante os dous últimos anos en Galicia © IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.