Galicia destruíu case 40.000 empregos no pasado ano

En defensa do emprego CC-BY Susete

Galicia suma 277.800 parados e conta con 38.600 ocupados menos e 400 desempregados máis que hai un ano. Esa é a realidade laboral que reflicte a Enquisa de Poboación Activa (EPA) feita pública esta mañá polo INE e que revela de novo o mal comportamento do emprego no país, que segue a sufrir os rigores da crise e que continúa a ver como milleiros de persoas emigran na busca dun futuro mellor fóra da terra.

A destrución é máis que importante, xa que Galicia perdeu 38.200 empregos en 2013, sendo a terceira comunidade que máis destruíu nun ano (-3,77%), pero tamén no último trimestre, ao rexistrar 18.900 ocupados menos (-1,88%), malia que o incremento do paro no mesmo período -do 0,27%- é de 800 persoas. 18.100 activos menos nos últimos tres meses.

Xa que logo, en Galicia hai menos dun millón de ocupados (987.300), que sosteñen máis dun millón de  persoas entre os desempregados e os pensionistas. Por provincias, a destrución de emprego en Galicia concentrouse na da Coruña (-26.200). En Pontevedra, os ocupados caeron en 5.600 persoas, en Lugo en 4.300 e en Ourense en 2.600.

Así, a taxa de actividade alcanza en Galicia o 54,32%, a segunda máis baixa por comunidades autónomas, unicamente por riba da de Asturias (52,04%). Son, en total, 2.329.000 galegos de 16 anos en diante, dos que 1.265.100 son activos, un 2,93% menos que ao peche de 2012 (-38.200 menos). Destes, 277.800 están desempregados e 987.300, ocupados.

Do plus de resistencia ou do diferencial positivo do que adoitaba presumir a Xunta xa non queda nada. Mentres en Galicia volveu subir o paro en 2013 (+0,16%), o paro descendeu en 69.000 persoas no conxunto do Estado (-1,16%), aínda que se destruíron 198.900 empregos, unha situación semellante en todos os territorios. Hai menos paro, pero moito menos emprego. No país, nin tan sequera iso. Hai algo máis de paro e tamén hai moitísimo menos traballo. A xente abandona o mercado laboral ou decide emigrar.

Dos 277.800 milleiros de parados galegos, 184.600 son homes e 129.200 son mulleres, sendo a taxa de actividade entre os homes do 60% fronte ao 49,1% das mulleres, e a de paro, tamén maior no xénero feminino (22,3%) que no masculino (22%).

En canto aos fogares con todos os seus membros en paro, en Galicia hai 92.800 vivendas nas que todos os activos están en situación de desemprego, 3.600 máis que no trimestre pasado e 900 máis que hai un ano. No conxunto do Estado, a cifra medrou en 24.600 no último trimestre, até sumar un total de 1.832.300 fogares neste desesperante contexto.

Emprego precario e temporal

Se debullamos os datos do conxunto do Estado, decatámonos de que a reforma laboral do Goberno e a súa teima por potenciara temporalidade está a ter efecto no tipo de empregos que se están creando: as persoas cun posto de traballo a tempo completo baixaron en 218.100, mentres que o número de ocupados a tempo parcial creceu en 153.100. A porcentaxe de persoas que traballan a tempo parcial incrementouse en case un punto porcentual, até o 16,3% dos ocupados.

A destrución de emprego foi maior no sector público que no privado. É unha tendencia que comezou a mediados de 2012 e que se consolidou, alentada polos recortes nas administracións e as novas normas laborais. No último trimestre do ano, o emprego público descendeu en 34.800 persoas, mentres que o privado fíxoo en 30.200. A diferenza acentúase se se considera todo 2013: durante o ano, o emprego público diminuíu un 4,1%, e o privado, un 0,55%.

Só a agricultura creou emprego neto na última parte do ano, mentres que o sector servizos, a construción e a industria reduciron o seu número de persoas ocupadas.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.