Galicia inicia o outono con 650 persoas en risco de despedimento por ERE en dúas empresas

Mobilización contra o ERE en Extel © Marea Atlántica

Máis de 650 empregos. Son os que se poden perder en Galicia nos vindeiros meses. Os ERE previstos polo Banco Popular e Extel colocan na incerteza centos de familias no país neste comezo de outono. A empresa de telemárketing vén de confirmar que prevé despedir 355 empregados en todo o Estado, 205 no seu centro da Coruña, o máis afectado polo recorte. O grupo bancario confirmou esta semana tamén o inicio dun expediente de regulación de emprego co que prescindirá de 450 persoas en Galicia, un de cada catro traballadores da empresa, sen saberse aínda cantas destas baixas poderán ser asumidas a través de prexubilacións. A estes despedimentos únense outras 94 persoas que, tamén na Coruña, quedarán fóra do banco tras a venda do seu centro traballo a Indra en agosto. Nos casos de ambas as súas empresas, os recortes no persoal teñen previsto quedar finiquitados axiña e sempre antes de que finalice este ano. 

Os ERE de Extel e o Popular cébanse especialmente con Galicia, onde os despedimentos teñen moita máis incidencia que a media estatal

Os traballadores de Extel levaron a cabo o pasado xoves un paro de dúas horas en cada quenda que foi secundado por "máis do 95%" do persoal segundo o comité de empresa, á vez que realizaron concentracións que foron apoiadas por representantes de todos os grupos políticos e polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que manifestou a súa intención de "facer todo o posible para defender os postos de traballo". 

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, dixo estar "preocupado e moito" pola situación nas que deixa os traballadores ambos os dous ERE. Así, en relación ao expediente do Popular, comprometeu "información e seguimento", pero remarcou que, "evidentemente", as competencias da Xunta son "moi limitadas". 

O persoal do grupo Popular, no que se inclúe o Banco Pastor, xa acordou convocar unha primeira concentración de rexeitamento ao ERE que se celebrará o vindeiro sábado 8 de outubro en Compostela. Protestan por un recorte que consideran "desroporcionado": uns 450 empregados dos perto de 1.800 cos que conta en Galicia entre os 1.300 do Pastor e os 500 do propio Popular. O impacto, xa que logo, sería importante na comunidade autónoma ao supoñer un 15% do total dos despedimentos e cunha afectación maior á media estatal.

Os despedimentos do Popular afectan un de cada catro traballadores do grupo en Galicia

Dos 2.900 despedimentos que haberá no conxunto do Estado, o Popular xa advertiu que intentará realizar o maior número posible mediante "fórmulas de prexubilación e outras vías de carácter voluntario", pero representantes laborais advirten que son arredor de 200 os empregados que superan os 59 anos e poderían acollerse a esta fórmula. Ademais, a reestruturación levará por diante algunha das sucursais que o grupo ten en Galicia, xa que ten previsto o peche dunhas 300 no conxunto do Estado. Esta nova vaga uniríase ao terzo de oficinas bancarias que os bancos pecharon no país desde que comezara a crise.

Rosa Conde, secretaria da sección sindical de CIG-Banca e representante nas negociacións do ERE, xa advertira do "desproporcionada" da medida, "especialmente en Galicia", máis aínda logo de que, hai tan só catro anos, a integración do Pastor no Popular provocase a perda de 400 postos de traballo no país.

 

A "deslocalización" en Extel

En canto a Extel, os traballadores apuntan á "deslocalización" como a causa dos pretendidos despedimentos, dos que quedaron fóra os centros que posúe en Lisboa e Arequipa (Perú), nos que traballan outras 3.000 persoas. A da Coruña é unha das oficinas máis importantes, cun total de 900 empregados e empregadas, que traballan en exclusiva para o servizo de atención ao cliente de Movistar, o coñecido como 1004. Sofre case o 60% dos despidos do ERE e Galicia volve ser a máis prexudicada, como no caso do Pastor. 

O centro da Coruña sofre case o 60% do total de despedimentos da empresa no Estado

Nos últimos días, unha vez que se coñeceu a intención da empresa de presentar o ERE, a agrupación da CIG en Extel iniciou unha campaña para que os e as usuarias de Galicia do servizo de atención telefónica de Movistar reclamen ser atendidos e atendidas en galego, un servizo que ofrece a compañía e que, destacan, axudaría a manter o centro de traballo e as prazas existentes na Coruña, limitando as posibilidades de deslocalizalos a outros territorios. Lembran que o telemárketing non é en absoluto un sector en crise, senón que pola contra as distintas empresas que se ocupan da atención telefónica obteñen nestes momento importantes beneficios.

As baixas en Galicia afectan 182 teleoperadores especialistas, 12 coordinadores, cinco xestores, tres formadores, un xefe de servizo, un auditor e un técnico de recursos humanos.

En Galicia traballan unhas 8.000 persoas nestes servizos de telemárketing, pero nos últimos anos as empresas españolas abriron delegacións no exterior que xa suman 25.000 empregados e empregadas. As precarias condicións salariais e laborais ofrecidas motivaron a convocatoria dunha folga xeral no sector. Os empregados de Extel lembran que son moitas as horas extras que realizan e, aínda así, a empresa ten previsto prescindir deles. A última reforma laboral, impulsada polo PP -que a través dalgún concelleiro participou nas últimas mobilizacións do cadro de persoal-, esfarela aínda máis o control das administracións sobre as decisións das empresas, que alegan causas organizativas e de carga de traballo para levar a cabo os despedimentos masivos. Agás un acordo dunha indemnización maior, os traballadores percibirán 20 días de salario por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades. 

Pancarta no Concello da Coruña a prol das traballadoras de Extel © Concello da Coruña
Concentración ante a sede do Banco Pastor CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.