Galicia lidera a suba do paro no Estado en decembro

Dominio Público Praza Pública

O paro baixa no conxunto do Estado e sobe en Galicia. Como noutros moitos dos últimos meses, o país racha coa tendencia positiva do conxunto de España e ve como se incrementa o número de desempregados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego, desta vez en 3.650 persoas en decembro con respecto ao mes anterior, o que supón un aumento do 1,62% fronte ao descenso do 1,3% a nivel estatal. 

Galicia é a comunidade onde máis sobe o paro en decembro mentres baixa no conxunto do Estado

Galicia é a comunidade autónoma onde máis se incrementa o paro en decembro e unha das catro onde sube, sendo a primeira no incremento absoluto e a segunda no relativo, só superada por Navarra, segundo os datos do Ministerio de Emprego. En definitiva, o número de desempregados rexistrados queda nas 228.808 persoas, 23.110 menos que no último es de 2014. O resultado interanual é mellor do que os últimos meses, ao descender o paro nun 9,17%, un descenso maior ao rexistrado no Estado (-7,96%) pero menor ao doutros territorios como Aragón, Balears, Castilla y León, Catalunya, Comunitat Valenciana, Madrid, Murcia, Navarra, Euskadi e La Rioja. 

A Xunta non tardou en reaccionar aos datos destacando as cifras positivas e na súa conta de Twitter advertiu que "durante o 2015, o paro experimentou en Galicia a maior baixada interanual absoluta [en realidade é relativa] desde que existen datos: un 9,17%". Pouco despois, a conta oficial do Goberno indicou que "o desemprego leva baixando 26 meses consecutivos", en referencia, suponse, aos datos interanuais. Non menos certo é que o mercado laboral segue estancado no país. E  desta vez, o aumento no paro vén case na súa totalidade da construción e da industria e non, como noutras ocasións, polo remate dos contratos de temporada no sector servizos. 

O 93,5% dos novos parados chegan da construción e da industria

Así, dos 3.650 parados máis no mes de decembro, o 93,5% chegan da construción (2.095) e da industria (1.318), mentres que 114 pertencen ao sector servizos e 459 da agricultura. O desemprego, pola contra, descende en 336 persoas no colectivo sen emprego anterior. 

O peor decembro intermensual dende 2011, o mellor interanual dende 2007

Os datos do paro rexistrado en decembro son os peores en comparación co mes anterior en Galicia desde 2011. Pola contra, e tras os duros anos de destrución de emprego de comezos da crise, o descenso interanual é o maior desde o inicio da recesión, en 2007. De feito, o número de desempregados aumentara nunhas 400 persoas menos no decembro de 2014 e en 3.400 menos no último mes de 2013. A tendencia positiva, que semellaba afianzarse, volve deterse no país, ao contrario do conxunto do Estado, onde as persoas rexistradas nas listas do antigo Inem caeu en case 56.000 persoas. 

Afiliación e contratos

Por outra banda, Galicia pechou 2015 con 946.122 afiliados á Seguridade Social, un aumento do 2,12% en taxa interanual, con 19.641 cotizantes máis respecto do mesmo período do ano pasado, pero 3.008 menos que no mes de novembro, un 0,32%. O incremento durante o pasado ano é inferior ao do conxunto do Estado (+3,1%).

O aumento interanual de cotizantes segue sen corresponderse coa baixada do paro: non todo o descenso do paro rexistrado supón novos postos de traballo

En definitiva, case 20.000 persoas pasaron a contribuír ás arcas públicas por medio do seu traballo durante 2015, fronte ás máis de 23.000 que deixaron as listas de desemprego. Esta diferenza de máis de tres milleiros entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Polo tanto, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo. No entanto, no conxunto do Estado esta tendencia é á inversa, o que indica claramente a febleza do mercado laboral galego e o maior peso da emigración en Galicia. 

En canto aos contratos, dos 68.646 asinados en Galicia en decembro, tan só o 4% foron indefinidos, unha tipoloxía que volve descender respecto do mes anterior (-16,6%) e que se mantén case idéntica en canto a hai un ano (-0,88%). Pola contra, o número de contratos temporais aumenta en máis do 2,3% en comparacón co mes de febreiro e en máis do 17% respecto a hai doce meses. Xa que logo, a temporalidade e a precariedade seguen a marcar as novas contratacións, tanto no Estado como en Galicia. 

A taxa de protección baixa case tres puntos con respecto a hai un ano e sitúase no 53,6%

Por outra banda, no mes de novembrohabía 110.815 persoas a cobraren unha prestación por desemprego, son 17.636 persoas beneficiadas menos ca hai un ano. Hai máis percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva (52.757 percibían un subsidio por desemprego, 45.279 contributivas, 11.839 a renda activa de inserción e 940 correspondían ao programa de activación de emprego).

A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de novembro de 2015 foi do 53,6 %, mentres que un ano antes era do 56,3 %. Polo tanto, en Galicia hai máis de 95.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.