Galicia lidera o descenso do paro en xullo pero tamén o aumento da temporalidade

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

O paro rexistrado baixou en xullo en 12.031 persoas en Galicia, que lidera o descenso no número de desempregados anotados nas oficinas do Servizo Público de Emprego e que se sitúa nos 240.279 persoas. O descenso é do 4,8% no país con respecto ao mes anterior, superando en moito a baixada no conxunto do Estado (-0,56%), onde o número de desempregados reduciuse en 29.841 ata quedar nos 4.419.860.

Galicia lidera o descenso no número de desempregados rexistrados ao baixar en 12.031 persoas

As contratacións no verán en Galicia provocan que o descenso intermensual no país sexa o maior no conxunto do Estado en números absolutos e o segundo mellor en termpos porcentuais, mentres que en comparación con 2013, Galicia é a sexta comunidade en descenso do paro rexistrado en número absoluto e o cuarto en porcentaxe. Pero case todos estes bos datos teñen cadanseus datos negativos, xa que o país lidera no mes de xullo o incremento de contratos temporais, moi por riba da medida estatal.

As provincias da Coruña e Pontevedra destacan na redución de desemprego xeral que se deu en 39 territorios do Estado, con 4.116 e 5.022 parados rexistrados menos, segundo os datos feitos públicos este luns. En Lugo baixa en 1.556 e en Ourense en 1.337. Galicia conta, xa que logo, con 20.823 parados rexistrados menos que hai un ano.

O número de contratos temporais incrementouse en Galicia nun 25,17%, o maior incremento do Estado

Pero estes datos positivos van sempre acompañados -e inevitablemente nesta crise- doutros negativos. É tamén o caso de Galicia, que á vez que lidera en xullo o descenso no número de desempregados tamén lidera o aumento da temporalidade nos contratos. Así, mentres os contratos indefinidos se incrementan en Galicia tan só nun 1,2% no pasado mes (un dos peores datos entre as autonomías), os temporais aumentan un 25,17%, sendo este incremento o maior no conxunto do Estado e moi afastado da seguinte maior suba, a de Cataluña (+20,4%). Tan só o 6% da contratación rexistrada en xullo é de carácter indefinido

Con respecto a hai un ano, o número de contratos indefinidos medrou no Estado un 18,4%, fronte ao 13,8% de Galicia, o terceiro peor dato por autonomía exceptuando Ceuta e Melilla.

Ademais, a Seguridade Social gañou en xullo en Galicia unha media de 14.421 afiliados (+1,56%) e 8.992 con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Así, o número de cotizantes queda agora nas 936.088 persoas.

 

Datos no Estado

O descenso do paro no Estado é un bo dato, pero a caída é inferior á rexistrada en xullo do pasado ano, de case 65.000 persoas, e tamén ao descenso de máis de 122.000 no pasado mes de xuño. En España, o paro reduciuse en case 290.000 persoas (-5,94%) no último ano, aínda que en termos desestacionalizadios, o paro medrou en xullo en 32.537 desempregados, un dato que, segundo o Ministerio de Emprego, correspóndese coa tendencia da serie histórica.

Ademais, o número de parados rexistrados é menor ao que había cando Mariano Rajoy chegou ao Goberno, pero, non obstante, o número de afiliacións á Seguridade Social é medio millón inferior.

Hai que ter en conta que o paro rexistrado só mide as persoas que están apuntadas ás oficinas de emprego (e que, polo tanto, teñen algún incentivo para facelo, como cobrar unha prestación) e que éa Enquisa de Poboación de Activa a que mide con máis exactitude a situación do mercado de traballo. Precisamente, a EPA mostrou unha forte caída da poboación activa nos últimos dous anos, é dicir, que España perde poboación en disposición de traballar.

Desde que Rajoy chegou ao Goberno, perdéronse no Estado medio millón de ocupados

Doutra banda, é a afiliación á Seguridade Social a que mostra cal é a evolución do emprego. E esa evolución mostra que desde que Rajoy chegou á presidencia do Goberno perdéronse medio millón de ocupados: en novembro de 2011 había 17.248.530 persoas con emprego, mentres que agora hai 16.747.103. Foron varias as ocasións nas que o paro descendía con forza un mes, pero a afiliación crecía debilmente. Esta contradición mostraba que había pesonas que estaban a abandonar o desemprego, pero non para incorporarse a un posto de traballo.

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.