Galicia perdeu 12.300 persoas con traballo dende a segunda vitoria de Feijóo

CC-BY-SA Praza Pública

Entre proclamas de recuperación e febles datos positivos de desemprego, o PP afrontará nos vindeiros meses dúas citas claves electorais. As eleccións municipais -e autonómicas na maioría das comunidades- e os seguintes comicios xerais chegan cos populares agarrándose aos datos macroeconómicos que avalarían a súa xestión, tanto no Goberno central como na propia Xunta. E malia todo, nin Rajoy nin Feijóo poderán presumir de ter recuperado emprego durante os seus mandatos, nos que, a pesar dos últimos descensos do número de parados, seguíronse perdendo ocupados, ademais de gañar en precariedade, temporalidade e emigración. 

Os últimos datos do paro non logran mellorar as cotas de desemprego e afiliación do inicio da lexislatura de Rajoy

Os últimos datos de desemprego do mes de marzo non logran mellorar as cotas de paro e afiliación que o Estado rexistraba ao inicio da lexislatura, a finais de 2011: o paro rexistrado agora suma 4.451.939 persoas, mentres que en novembro de 2011 situábase en 4.420.462; e a Seguridade Social conta con 16.970.227 ocupados, fronte aos 17.443.161 que había de media en 2011. Xa que logo, e despois de tres anos e medio de Goberno de Mariano Rajoy, España ten aínda 31.477 parados máis que cando chegou ao poder e, o que é aínda máis negativo, case medio millón de ocupados menos (427.934). 

En Galicia, onde a Xunta presumiu sempre do seu diferencial positivo co resto do Estado, o balance do mandato de Mariano Rajoy tampouco é positivo. A redución do número de parados rexistrados con respecto ao comezo da lexislatura do PP en Madrid é de tan só 1.279 persoas, ao pasar dos 253.416 que había no país cando os populares chegaron á Moncloa aos 252.137 da actualidade. En canto á cifra de ocupados, o resultado é aínda moito peor: a comunidade autónoma perdeu 51.200 afiliados á Seguridade Social durante os case catro anos que a dereita leva no poder a nivel estatal. Pasou dos 974.300 de novembro de 2011 aos 923.100 da actualidade, segundo os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego.

Galicia perdeu máis de 50.000 ocupados durante o mandato de Rajoy

No caso de ter en conta este segundo mandato de Feijóo, Galicia mellorou as cifras de paro, ao pasar das 276.536 persoas apuntadas nas oficinas de emprego de novembro do 2012 -no mes seguinte á vitoria do PPdeG nas eleccións- ás 252.137. Son 24.399 desempregados menos nestes dous anos e medio de lexislatura na que, non obstante, non aumentou o emprego. O país perdeu 12.300 ocupados. 12.300 afiliados menos á Seguridade Social, que se sitúan nos 923.100 da actualidade fronte aos 935.400 que había ao conseguir o actual presidente da Xunta a súa segunda vitoria electoral. 

Aquí, unha vez máis, a diferenza entre o dato do paro e de afiliación é moi importante: de máis de 12.000 persoas, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron nas oficinas de emprego. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego e optan pola emigración. 

Galicia perdeu 12.300 persoas con traballo dende a segunda vitoria de Feijóo, malia contar con 24.000 parados menos

De feito, tanto nos datos de paro rexistrado ultimamente como nos da EPA revélase que Galicia non fai máis que perder poboación activa: a poboación que busca emprego cae, xa sexa porque emigra, deixa o mercado laboral ou volve aos estudos.

Dende inicios da segunda lexislatura consecutiva co PP no poder produciuse este fenómeno común e contrario ao que está a acontecer no conxunto de Estado nos últimos meses. Factores como o efecto desánimo ou a baixada da taxa de cobertura das prestacións por desemprego, entre outros, fan que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) amose uns niveis de desemprego máis altos que o paro rexistrado, que mide unicamente as inscricións como demandante de emprego. A EPA indicaba que había en Galicia unhas 277.000 persoas no paro cando Feijóo gañou por segunda vez e o dato máis recente, o do cuarto trimestre de 2014, rolda as 264.000 persoas sen traballo. Máis de 10.000 desempregados máis do que indica o Ministerio de Emprego. 

Os datos do paro en Galicia non veñen máis que a demostrar o estancamento da economía galega. Os principais datos económicos acreditan que o país só está á cabeza do Estado en cumprimento do déficit, mentres fica nos últimos postos en crecemento e recuperación. Ademais, a recadación de impostos amosa ás claras o estancamento do consumo, ao igual que as cifras do censo de poboación, que teiman en revelar a elevada emigración, sobre todo dos máis novos. 

Manifestación de parados do sector naval CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.