Galicia perdeu máis do 20% das horas de traballo desde que Feijóo chegou ao Goberno

A ministra Báñez, xunto a Feijóo nun mitin do PP CC-BY-SA PPdeG

Desde que Feijóo chegou á Xunta, Galicia perdeu o equivalente a 253.000 postos de traballo a tempo completo, o 20,6% das horas de traballo coas que se atopou. Así o aclaran os datos analizados e debullados polo técnico de emprego e experto no mercado laboral, Enrique Negueruela. Unha destrución de un de cada cinco postos de traballo e o país, que en 2008 representaba o 6% do emprego do Estado, supón agora o 5,6%. 

Tal e como destaca Negueruela -que analiza desde hoxe nunha serie para Praza os orzamentos e a situación laboral de Galicia-, mentres no conxunto do Estado a perda de postos de traballo foi de un de cada sete e do 15,6% das horas, na comunidade autónoma a situación aínda foi peor. "Se as políticas de Feijóo fixesen que non houbese esa diferenza, habería 2,29 millóns de horas mais, o equivalente a 63.015 empregos a tempo completo", destaca tras comparar as cifras do terceiro trimestre da EPA deste ano cos mesmos trimestres de 2008 -o último do goberno bipartito- e de 2011, último anterior á reforma laboral e á chegada de Rajoy á Moncloa. 

De estar Galicia na medida de destrución de emprego do Estado, agora tería 63.000 postos de traballo máis a tempo completo

Centrándose nas horas traballadas -e evitando así a "trampa" dos parciais pola que "se parte un posto de traballo de 40 horas entre tres persoas a 10 horas para dicir que hai máis emprego"-, en 2008 en Galicia traballábanse habitualmente 46,13 millóns de horas á semana. En 2011 o número de horas diminuíu nun 11,6% e foron 5,33 millóns de horas menos, mentres que neste último trimestre a diminución foi de 4,15 millóns, o 10,2% de baixada. "Desde a chegada de Feijóo, Galicia destruíu o 20,6% das horas de traballo", sinala. 

Galicia destruíu o 20,6% das horas de traballo que se atopou Feijóo á súa chegada á Xunta

 

Os sectores estratéxicos de Galicia, entre os mais castigados

A maior diferenza nesta perda de horas tense producido no sector primario. Mentres no Estado se perdeu un 17,4% das horas traballadas, en Galicia a caída chegou ata o 50,9%. "Hai o equivalente a 54.399 postos de traballo a tempo completo menos. En 2008 o sector primario galego supuña o 13,3% dese sector no conxunto do Estado; no último trimestre supón só o 7,3%", destaca Negueruela nun estudo no que volve incidir no feito de que "esta perda de peso tradúcese en 35.744 empregos eliminados máis dos que se terían producido se o comportamento deste sector primario galego fose semellante ao da media estatal".

O sector primario perdeu máis da metade das horas traballadas durante a crise e supón só o 7,3% do conxunto deste emprego no Estado

En canto á industria manufactureira, perdeu o 27,9% das horas de traballo, mais de unha de cada catro, e o equivalente a  58.475 empregos a tempo completo, e o seu peso na economía galega pasa de supoñer o 17% do traballo ao 15,5%. Estre as súas actividades destaca a industria alimentaria, que perde case o 30% das súas horas de traballo e máis de 14.000 empregos, 20 puntos máis que a media estatal; ou a téxtil e de confección, que perde o 51,7%, uns 12.000 postos de traballo, 15 puntos máis que no conxunto do Estado. 

Ademais, na fabricación doutro material de transporte (sector referido ao naval principalmente), a caída de horas traballadas en Galicia foi do 32,5%, fronte ao 3,1% no Estado, unha diferenza que supón a eliminación duns 4.000 empregos máis; no sector madereiro e do moble, as industrias perderon o 55,6% do seu traballo, máis de 18.500 empregos; e nas industrias da electricidade, auga e xestión de residuos, en España houbo un crecemento dun 15,4% de horas, fronte á caída do 31,7% en Galicia. 

O sector da construción e os seus afíns, por outra banda, tiveron unha perda da metade das súas horas habituais de traballo, o equivalente a 85.845 postos de traballo a tempo completo. Con todo, esta perda foi 7,3 puntos inferior á da media do Estado. Mentres, o sector servizos foi o que tivo un mellor comportamento tanto no Estado como en Galicia. Con todo, perdeu o 8,3% das súas horas habituais, o equivalente a 61.867 postos a tempo completo. De manter unha perda similar á da media estatal, o 5,5%, habería 20.656 empregos a tempo completo mais. Ademais, dentro deste sector, quen presenta unha meirande caída son as actividades financeiras e de seguros que perden o 31,9% do seu traballo, o equivalente a 8.015 empregos. A perda na media do Estado foi do 12,9%.

Segundo o estudo de Negueruela, entre as actividades nas que menos emprego se destruíu destaca a industria da automoción, que tivo unha perda do 1,1%, 222 postos, fronte a rexistrada de media no Estado do 9,7%. En segundo lugar, a metalurxia e a fabricación de produtos metálicos, que en Galicia experimentaron unha perda do 9,6%, 2.363 empregos menos, mentres a media estatal foi do 40,9%.
 

De traballar unha de cada cinco horas a traballar unha de cada dez

O técnico de emprego advirte que "é tremendamente preocupante a composición por idade e sexo coa que queda o mercado de traballo". Perdeuse o 55% do traballo dos menores de 30 anos e hai 139.130 postos de traballo menos ocupados por mozas e mozos. "Para facernos unha idea do que supón esa perda de presenza, dende 2008 a hoxe os menores de 30 anos pasaron de traballar unha de cada cinco horas a unha de cada dez", ilustra. 

Nos últimos sete anos, en Galicia perdeuse o 55% do traballo dos menores de 30 anos: de traballar 1 de cada 5 horas a traballar 1 de cada 10

O grupo de idade entre 30 e 44 anos, perdeu o 20% das horas que de traballo que tiña en 2008. Hoxe hai o equivalente a 105.991 postos de traballo a tempo completo menos que en 2008. Malia iso, a súa presenza no total do emprego mantense en termos similares: se en 2008 traballaban o 43,7% dos horas, hoxe é o 44,3%. É nos grupos de mais idade, entre 45 e 54 e de máis de 55 anos, onde se produce un cambio: os homes perden un 9% e un 10% das súas horas e as mulleres aumentan un 5% e un 26% respectivamente. O que se produce é un envellecemento: se en 2008 as persoas de máis de 44 anos traballaban algo máis de unha de cada catro horas, o 27%, hoxe é unha de cada tres, o 33%.

"Feijóo duplicou os 110.054 parados que había, ata acadar os 222.636 persoas de agora, pero hai máis persoas que precisan emprego. Os parados aumentaron neste tempo en 112.582 persoas mais, malia a saída de moitas delas a buscar emprego ou a traballar noutros países", destaca Negueruela, que lembra que as persoas que traballan menos de 20 horas e buscan completar unha xornada insuficiente aumentaron en 9.389.

"As persoas desanimadas que queren traballar pero que non buscan porque cren que non o ían atopar, aumentaron en 13.304. Estes xuntos, fan que se pase a 135.275 máis buscando traballo e sumen un total de 338.720 persoas", insiste quen advirte dunha reforma laboral que recortou tamén as prestacións. Así, en Galicia hai 162.838 cidadáns parados sen prestacións. A proporción de parados protexidos pasou de dous de cada cinco a un de cada catro, do 40,2% a só o 26,2%. "A desprotección dos parados pasa a ser o problema máis inmediato", avisa. 

"Toda esta desfeita é froito das políticas neoliberais de Feijóo e da reforma laboral de Rajoy. E todo para cambiar a distribución das rendas"

"Toda esta desfeita é froito das políticas neoliberais de Feijóo e da reforma laboral de Rajoy. E todo para cambiar a distribución das rendas", asegura Negueruela, que anima a ver como se reparte o PIB entre os salarios e o excedente empresarial. 

"A reforma laboral truncou o sistema de repartición das rendas, facendo que o custo da crise recaia nos asalariados. Os seus salarios caeron nos últimos catro anos, dende que se aprobou a reforma, o 7,9% e iso ocorría mentres o excedente empresarial caía só un 1,5%.  Do total do PIB que se reparte, excluíndo os impostos, os salarios pasan de supor o 51,4% ao 49,7%. Perden 21.000 millóns de euros, por só os 3,7 do excedente empresarial", insiste quen cre que a reforma "logrou claramente o seu obxectivo: modificou a distribución da riqueza facendo que por cada euro que perda o excedente empresarial, os salarios perdan seis".

Diferenza de horas traballadas 2008-2015 © Enrique Negueruela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.