Máis desafiuzamentos, máis xente expulsada das súas casas e máis dramas. O número de desafiuzamentos en Galicia ascendeu a 1.370 no que vai deste ano 2012, fronte ás 2.000 rexistradas en total en todo o ano pasado. Así o aseguraron CCOO, UGT e a Rede Galega contra a Pobreza, que advirten de que a cifra deste exercicio “superará amplamente” á do pasado.
Os números son fríos, pero ás veces poden expresar tamén perfectamente as penurias. Segundo estes datos, tirados dos obtidos a través do Consello Xeral do Poder Xudicial, indican que en Galicia, de media, prodúcense nove desafiuzamentos cada día desde que empezou o ano.
O número de desafiuzamentos en 2012 superará "ampliamente" aos de 2011
Debido a todo isto, os dous sindicatos e a Rede Galega contra a Pobreza presentaron este mércores a súa campaña co obxectivo de recoller sinaturas para presentar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) no Congreso para reclamar que se regule a dación en pago, que se paralicen os desafiuzamentos e que se promova o aluguer social.
Precisan 500.000 sinaturas e a campaña chega agora a Galicia logo de que xa comezase en Cataluña, Castela e León ou Asturias. O prazo de recollida durará até outubro e a colaboración pode chegar a través de formularios, pero tamén por Internet.
A secretaria de Servizos Sociais e Políticas de Igualdade de UGT Galicia, Carmen Brea, destacou que os máis de 2.000 desafiuzamentos do ano pasado supoñen unha media en Galicia de cinco cada día. O aumento desde 2007 é do 185% na cifra (desde 701 a 2.003), é dicir, supón multiplicar case por tres os desafiuzamentos desde que comezou a crise económica. En total, 6.000 desafiuzamentos en Galicia desde entón.
"A recomendación do Goberno aos bancos de aplicar a dación en pago non funciona; só é publicidade"
Así, Brea defendeu que a intención da ILP é lograr que se modifique a lei e que a fórmula "preferente" para familias que ven deteriorada a súa situación económica e non poden facer fronte ao pago da hipoteca da súa vivenda habitual sexa a dación en pago. Do mesmo xeito, queren tamén que se freen os desafiuzamentos en casos nos que o impago non se produza por vontade do hipotecado, así como establecer o aluguer social.
"Igual que o Goberno se apresurou a rescatar as entidades financeiras que se dea a mesma présa e modifique unha lexislación inxusta", reclamou Brea. Adela Poisa, secretaria de Política Social e Igualdade de CCOO-Galicia, reclamou un cambio normativo, xa que as execucións hipotecarias están a “imposibilitar” a defensa dos afectados.
A solución semella fácil e así a propoñen os sindicatos. Piden que se mobilice o parque de vivendas que está en mans dos bancos, moitas delas porque a entidade queda con ellas por impago, e que se dediquen ao aluguer social. “Así gran parte do problema estaría resolto”.
Pola súa banda, o presidente da Rede Galega contra a Pobreza, David Silva, subliñou que os desafiuzamentos afectan fundamentalmente aos parados de longa duración e aos colectivos "máis vulnerables", como as familias monoparentais ou os inmigrantes.
Ademais, aclarou que 12 millóns de persoas, 650.000 delas en Galicia, están en risco de pobreza en España e que os indicadores aumentan "ano a ano", do mesmo xeito que destaca “a desigualdade” entre ricos e pobres que, nan comunidade autónoma, “está a ser cada vez maior”.
En canto á proposta do Goberno para que os bancos acepten a dación en pago nalgún caso, a Rede cre que “non funciona” porque “os bancos non atenden os cidadáns”. "O Goberno implantou o socialismo para o capital", criticou, en alusión aos rescates á banca con fondos públicos. Segundo os sindicatos, a solución dada polo Executivo “só é unha recomendación”, pero “non soluciona os problemas”. “É totalmente publicitario”, remata.