Galicia rematou 2017 cun novo récord de contratos. Segundo os datos do Ministerio de Emprego, foron un total de 1.020.962, 76.848 máis que no ano anterior, un incremento do 8%, e case un 30% por riba de 2008, considerado o inicio da crise económica. Son cifras históricas que non supoñen, nin moito menos, que se cree emprego coa mesma intensidade. De feito, o mercado laboral galego finalizou o pasado exercicio con 21.713 afiliados máis á Seguridade Social; xa que logo, asináronse 47 contratos por cada novo posto de traballo creado. Case medio cento por cada emprego.
Galicia rematou 2017 cun novo récord de contratos: asináronse 1.020.962, un 8% máis que en 2016
Esa disparidade entre o número de contratos e o volume total de xente con traballo débese, fundamentalmente, a que os contratos temporais aumentan a un ritmo moito maior que os indefinidos. Cada posto de traballo temporal é cuberto cada vez por un maior número de contratos. No pasado 2017, do total de contratos asinados, o 92% (940.169) foron temporais fronte ao 8% de indefinidos (80.793). Hai dez anos, en 2008, o número de contratos fixos era xa maior (87.000) que na actualidade malia que o total de contratacións era moito menor.
Debido a esta infinita temporalidade e tamén á parcialidade, o número de contratos rexistrados en Galicia medra con forza, pero a un ritmo que non se corresponde co crecemento do emprego. Así, o aumento do 8% no número de contratos asinados con respecto a 2016 é máis da metade inferior ao aumento na creación de emprego, cun 3,4% máis de afiliados á Seguridade Social e un mercado laboral que fica outra vez por baixo do millón de persoas a traballar (985.448).
De feito, e malia a creación de emprego que supuxo o 2017, o mes de decembro nin tan sequera trouxo boas noticias nese aspecto. Galicia é unha das tres autonomías nas que caeu a afilición á Seguridade Social con respecto ao mes anterior. Perdeu 3.709 cotizantes malia a campaña de Nadal e fronte ao lixeiro aumento no conxunto do Estado. Tan só nas Illes Balears se destruíron máis empregos que no país.
Con todo, o número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego baixou en 2.162 durante decembro en Galicia, un descenso do 1,16%, algo inferior ao do conxunto do Estado. A cifra de parados o país queda así en 185.013, pero a estatística agocha outros síntomas sobre a baixa calidade do emprego e a súa temporalidade. O feito de que descenda o paro rexistrado e non se incremente o número de afiliados indica que a emigración ou o fastío teñen moito que ver.
Galicia é unha das tres autonomías nas que caeu a afilición á Seguridade Social en decembro
Así, o paro aumenta en todos os sectores e tan só diminúe en servizos e no colectivo sen emprego anterior. Aumenta en 189 persoas na agricultura, en 500 na industria e en case un milleiro na construción. Pola contra, descende en máis de 2.900 na hostalería e no comercio.
O paro descende a nivel global en Galicia en decembro, pero aumenta en todos os sectores agás en servizos
En termos interanuais o balance é máis positivo, ao contar Galicia conta con 20.901 persoas paradas menos que hai un ano, un descenso de máis do 10%. Aínda así, fixeron falta máis de un millón de contratos para reducir en 21.000 o número de desempregados rexistrados: 48 contratacións por cada cidadán que abandona as listas das oficinas de emprego.
Así, no mes de decembro asináronse un total de 71.531 contratos, o 92,5% deles temporais. Foron 8.500 menos que no mes anterior e unha cifra practicamente idéntica á de asinados un ano antes. Leváronse a cabo 33 contratacións por cada persoa parada menos.
Alén disto, segundo os datos do Servizo de Emprego, a taxa de cobertura en novembro de 2017 era só do 53,7 %. Xa que logo, había 79.122 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de prestacións por desemprego.
Por outra banda, só o 42 % das persoas beneficiarias de prestacións por desemprego cobran unha contributiva. Son 91.607 percibindo unha prestación por desemprego: 40.592 cobran un subsidio por desemprego (o 44,3 % do total), 38.795 prestacións contributivas (o 42,4), 9.805 a renda activa de inserción e 2.415 correspondían ao programa de activación de emprego.