Galicia segue entre os territorios que máis emprego destruíron na última década

Evolución do número de traballadores/as por CC.AA. entre xuño de 2008 e xuño de 2018 Dominio Público Praza Pública

"Galicia pechou o mes de xuño superando o millón de afiliacións á Seguridade Social (1.006.499), unha cifra que non se alcanzaba desde hai case 7 anos". Deste xeito celebraba o Goberno galego os datos de emprego correspondentes ao mes de xuño, coñecidos a pasada semana. En efecto, o número total de traballadores e traballadoras en Galicia sitúase por riba do millón por primeira vez dende agosto do ano 2011 e vén mellorando de forma constante dende febreiro de 2014, momento en que acadou o seu mínimo. Porén, a realidade é que a cifra de afiliación segue lonxe dos niveis previos á crise (1.094.898 chegaron a ser en xullo de 2008) e, por exemplo, sitúase 70.234 persoas por debaixo do rexistrado hai exactamente unha década, en xuño de 2008.

Só a Comunidade Valenciana empeora os datos galegos en termos absolutos (-73.879). E só Asturias (-10%) e Castela-A Mancha (-9%) perderon neste tempo máis traballadores e traballadoras que Galicia en termos relativos (-6,5%)

Galicia é, de feito, a segunda comunidade que máis emprego destruíu nesta última decada, a pesar da recuperación que se vén experimentando nos últimos catro anos. Só a Comunidade Valenciana empeora os datos galegos en termos absolutos (-73.879). E só Asturias (-10%) e Castela-A Mancha (-9%) perderon neste tempo máis traballadores e traballadoras que Galicia en termos relativos (-6,5%).

De feito, aínda que tamén o Goberno central celebraba este martes ter recuperado a cifra dos 19 millóns de afiliacións á Seguridade Social por primeira vez en dez anos, o certo é que tamén o conxunto do Estado se sitúa aínda por debaixo dos niveis previos á crise. En xuño de 2008, hai unha década, España contaba con 19,2 millóns de traballadores e traballadoras, 177.852 máis que na actualidade. Neste tempo, tan só a Comunidade de Madrid, Illas Baleares, Canarias e -moi lixeiramente- Murcia presentan un saldo positivo. O resto de territorios aínda non recuperaron todo o emprego perdido durante a crise.

A finais de 2015 a UE poñía Galicia como exemplo de destrución de emprego durante a crise; nese momento só Castela-A Mancha presentaba peores cifras que Galicia entre os territorios do Estado Español.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.