Galicia suma case 8.500 parados máis e alcanza unha cifra récord de desempregados

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Case 8.500 parados máis en Galicia en outubro. Segundo os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego, o país conta con 8.439 desempregados máis no último mes, polo que alcanza unha cifra récord de 267.812 parados logo dun aumento do 3,2% con respecto ao mes anterior.

Galicia sitúase así nunhas cifras históricas logo dun aumento do desemprego que afectou a todos os sectores, pero especialmente ao sector servizos, que acumulou 6.479 parados máis no último mes, máis do 76% do conxunto dos desempregados, resultado da finalización dos traballos da campaña de verán. En termos interanuais, a autonomía conta con 25.670 parados que hai un ano, o que supón un incremento do 10,6% en canto ao mes de outubro de 2011 e que volve demostrar a ineficacia total da reforma laboral.

Por provincias, o número de desempregados na Coruña é de 105.777, en Lugo de 26.323, en Ourense de 29.189 e en Pontevedra de 106.523 persoas. Ademais, Galicia perde outros 7.600 afiliados na Seguridade Social en outubro e un 3,7% con respecto ao mesmo mes de 2011.

O aumento do paro en Galicia é superior ao incremento no conxunto do Estado

En canto ao Estado, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 128.242 desempregados en outubro, un 2,7% máis respecto ao mes de setembro, co que a cifra total de parados sitúase por riba dos 4,8 millóns, unha nova marca histórica neste rexistro. Así, o desemprego alcanzou unha cifra de 4.833.521 persoas, o seu nivel máis alto de toda a serie histórica comparable, que comezou en 1996.  Desde outubro de 2011, o desemprego incrementouse en 472.595 persoas, o 10,84 %.

No sector servizos foi onde máis subiu o paro, con 97.610 persoas máis (3,39 %), seguido da agricultura, con 24.401 (15,18 %) e a industria, con 8.888 (1,69 %), e só baixou en 3.670 na construción (0,48 %), en tanto que entre o colectivo sen emprego anterior aumentou en 1.013 persoas (0,27 %).

O 76% do aumento do paro de outubro concentrouse no sector servizos

Así, o 76 % do aumento do paro de outubro concentrouse no sector servizos debido ao termo dos empregos de carácter estacional tras o verán, segundo o Ministerio de Emprego, que destaca que este dato é inferior ao de outubro de 2011 cando subiu en 134.182 persoas e que se trata do quinto mes consecutivo no que o paro rexistrado "se comportou mellor que no ano anterior".

O desemprego masculino aumentou en 69.008 persoas (o 2,97 %) respecto de setembro, ata 2.392.696, e o feminino en 59.234 (o 2,49 %) e sumou 2.440.825. Respecto ao mesmo mes de 2011, o paro entre os homes subiu en 244.743 (o 11,39 %) e entre as mulleres en 227.852 (10,30 %).

Entre os mozos menores de 25 anos, o desemprego creceu en 20.604, o 4,41 % e entre os desa idade e máis anos fíxoo en 107.638, o 2,54 %. O desemprego tamén se incrementou en outubro entre os estranxeiros, con 17.890 máis (o 3,04 %) ata 605.959 parados, aínda que respecto ao mesmo mes de 2011, descendeu en 9.806 persoas, o 1,59 %.

O paro subiu en quince comunidades encabezadas por Andalucía e Castela-A Mancha

En outubro o paro subiu en quince comunidades encabezadas por Andalucía (32.139) e Castela-A Mancha (16.791) e baixou en Canarias (993) e a Comunidade Valenciana (867). O desemprego só baixa en dúas comunidades (Canarias e Valencia) e en cinco provincias, ningunha delas galega.

Respecto da contratación, nese mes asináronse 1.427.173 contratso, 132.372 máis (o 10,22 %) respecto de outubro do ano pasado, aínda que no acumulado dos dez primeiros meses subscribíronse 11.558.71, o que supón 491.216 menos (4,08 %) respecto ao mesmo período de 2011.

Do total dos contratos de outubro, 130.632 foron indefinidos, un aumento de 33.367 (34,31 %) respecto ao mesmo mes do ano pasado, mentres que no acumulado fixéronse 908.090, unha redución de 52.476 (o 5,46 %).

Dos indefinidos, 62.360 foron a tempo completo, un aumento interanual do 14,96 %, e 68.272 a tempo parcial, unha subida do 58,69

Cadea humana contra o paro CC-BY-SA 15M Madrid

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.