Galicia ten 10.000 parados máis que hai tres meses e España supera os 6 millóns

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

O paro subiu en 10.000 persoas en Galicia no primeiro trimestre do ano, en relación co tres meses anteriores, e alcanzou a cifra dos 287.400 desempregados, un 3,61% máis, polo que a taxa elévase  ao 22,35%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Galicia conta con case 22.000 parados máis que hai un ano

Se comparamos os datos de Galicia cos do mesmo trimestre de 2012, o aumento de parados foi de 21.800 persoas, o que supón un incremento do 8,23%, superior á media estatal nestes tres meses. Fronte a unha taxa de paro do 22,35%, a taxa de actividade é do 54,56%. A taxa de desemprego é lixeiramente superior entre os homes (22,44%) que entre as mulleres (22,25%).

No conxunto do Estado, o paro incrementouse en 237.400 persoas no primeiro trimestre respecto ao trimestre anterior, un 4% máis, situándose o número total de desempregados en 6.202.700 persoas, cifra inédita até agora para a economía española e superando a crítica barreira dos seis millóns.

Así, a taxa de paro elevouse ao peche de marzo até o 27,16%, unha porcentaxe 1,1 puntos superior ao do trimestre anterior (26,02%), segundo os datos da EPA.

Esta taxa de paro estatal alcanza o seu nivel máis alto da serie histórica comparable, que arrinca en 2001. Remontándose máis atrás, utilizando series non comparables, os datos só abranguen até 1976. En ningún trimestre desde aquela se rexistrou unha taxa de desemprego tan elevada como a actual.

En España, no primeiro trimestre do ano destruíronse 27.400 empregos, ao caer o número de ocupados até os 998.500, unha cifra un 2,67% inferior á do trimestre anterior. Na comparación interanual, a destrución de emprego chega aos 51.900 postos, unha caída do 4,94%.

Datos comparativos

Se comparamos os datos entre autonomías, Galicia sitúase como a sexta comunidade cunha menor taxa de paro, por riba da rexistrada no País Vasco, A Rioxa, Navarra, Madrid e Cantabria. De compararmos o aumento porcentual do paro en Galicia neste último trimestre co doutras autonomías, a galega aparece como a sétima cun incremento máis contido.

Galicia é a sexta autonomía con menor taxa de paro, pero vai perdendo o diferencial positivo con España

En canto á poboación activa, en Galicia está composta por un total de 1.285.900 persoas, unha cifra que caeu un 1,33% en relación ao tres meses previos e do 2,29% en comparación co primeiro trimestre de 2012.

Por outra banda, o incremento do desemprego en España no primeiro trimestre do ano é inferior ao aumento rexistrado en igual período de 2012 (+365.900 desempregados), pero supera ao do primeiro trimestre de 2011 (+213.500 persoas). Nos primeiros trimestres de 2008, 2009 e 2010, o desemprego aumentou en maior medida do que o fixo entre xaneiro e marzo deste ano.

No último ano, o paro incrementouse un 10%, con 563.200 desempregados máis, mentres que se perderon case 800.000 ocupados, un 4,6%. Só no primeiro trimestre deste ano destruíronse 322.300 empregos (-1,9%), cifra inferior á do primeiro trimestre de 2012 (-374.300 ocupados) pero superior á dos anos 2011 (-256.500) e 2010 (-251.800). Marzo pechouse así cun total de 16.634.700 ocupados.

Dos 322.300 empregos destruídos até marzo, 251.000 pertencían ao sector privado (-1,8% respecto ao trimestre anterior) e 71.400 ao sector público (-2,4%). No primeiro trimestre de 2013, o número de asalariados diminuíu en 312.800 persoas (-2,2%), dos que 194.400 tiñan contrato temporal (-6%) e 118.400 tiñan contrato indefinido (-1,1%).

HABERÁ AMPLIACIÓN

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.