Galicia ten case 280.000 parados

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Galicia racha barreiras e pecha 2012 con 277.400 parados e unha taxa de paro do 21,28%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este xoves. Así, no último trimestre de 2012, o país perdeu 13.400 traballadores, un aumento do desemprego dun 5,07% respecto aos tres meses anteriores, pero dun 15,4% no último ano, período no que se sumaron 37.000 desempregados máis ás listas do antigo Inem.

O incremento do paro en Galicia supera en dous puntos o aumento no Estado

O aumento anual do paro en Galicia (+15,4%) e o dos últimos tres meses (+5%) supera o incremento medio no conxunto do Estado (+13,1% e +3,2%). Estas cifras revelan que na comunidade hai 1.026.000 persoas empregadas, algo máis de tres traballadores por cada persoa sen emprego. En canto ao número de parados, a provincia da Coruña sitúase en primeiro lugar, con 114.000, seguida de Pontevedra (107.100); Ourense (30.300; e Lugo (25.900 parados).

En canto á taxa de paro por cidades, Vigo lidera a clasificación cun 23,5%, seguida de Ferrol, 22,3%; Pontevedra, 21%; Ourense, 20,1%; Santiago, 19,8%; A Coruña, 17,9% e Lugo, co 17,8%.

As pésimas cifras desta última EPA veñen confirmar as peores previsións, polo que non se espera unha mellora do comportamento do mercado de traballo nestes primeiros meses de 2013. De feito, de seguir así as cousas, é probable que o país supere os 300.000 desempregados a mediados deste mesmo ano.

En España hai 5.965.400 desempregados e unha taxa de paro do 26%, cifras que nunca se deran no Estado

Os datos non son mellores no conxunto do Estado, nin moito menos. O paro subiu en 691.700 persoas en 2012 respecto a 2011, un 13,1% máis, o que deixa o número total de desempregados en 5.965.400 personas, sen superar os 6 millóns pero acadando unha cifra inédita até o de agora na economía española. En total, 15 das 17 comunidades autónomas sufriron o incremento do desemprego.

O récord chega logo de que o desemprego se incrementase no último trimestre de 2012 en 187.300 persoas, un 3,2% máis que no terceiro trimestre. A taxa de paro alcanza así o 26,02%, tres puntos máis que a de 2011. É tamén a taxa máis alta da serie histórica comparable, que comeza en 2001. Se temos en conta series non comparables, que comezan en 1976, tampouco nunca se alcanzaran datos tan negativos.

A taxa de paro xuvenil é do 55,13% e  hai máis de 930.000 mozos desempregados en España

Ademais, continúa a sangría de desemprego entre os máis mozos. Entre os menores de 25 anos, a taxa de paro situouse no 55,13 % en 2012, 6,57 puntos máis que en 2011, o que fai que o número de mozos desempregados chegue a 930.200 persoas.

Así, a taxa de paro xuvenil subiu 2,79 puntos respecto ao terceiro trimestre do ano pasado, cando foi do 52,34 %.

 

Hai 91.900 fogares en Galicia con todos os seus membros en paro

O número de fogares en Galicia con todos os membros en paro situouse ao peche de 2012 nun total de 91.900 en Galicia, o que supón un aumento do 28% en relación ao último trimestre de 2011. Deste xeito, os fogares que teñen polo menos un membro activo e nos que todos os activos son parados superan tamén, nun 15,6%, a cifra rexistrada no terceiro trimestre de 2012, cando eran 79.500.

Do mesmo xeito, no país hai 385.300 fogares sen ocupado ningún e, entre eles, perto de 30.000 (29.300) non percibe ningún tipo de ingreso.

No conxunto do Estado, o número de fogares con todos os seus membros en paro alcanzou 1.833.700, o que supón 258.700 máis que en 2011 e representa un incremento do 16,43 %. Ademais, a cifra incrementouse no último trimestre en 95.800 familias máis, o 5,51 %, respecto ao trimestre anterior.

No sentido contrario, o número de fogares que ten todos os seus compoñentes ocupados descendeu en 2012 en 511.700, o 5,78 % respecto ao ano anterior e alcanzou os 8.334.300. Fronte ao trimestre anterior a cifra de fogares con todos os seus membros ocupados baixou en 187.300, o 2,20 %.

Por outra banda, en España existen 4.460.400 fogares sen ningún membro activo, polo que non teñen persoas en idade de traballar ou en disposición de facelo, o que supón un incremento de 76.000 fogares fronte a 2011 (o 1,73 % máis), aínda que respecto ao trimestre anterior descendeu en 6.400, o 0,14 %.

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública
Evolución da taxa de paro en Galicia © IGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.