Galicia trocou na última década billetes e moedas de pesetas por valor de 7,5 millóns de euros

Copia dun billete de 500 pesetas, coa figura de Rosalía de Castro CC-BY-SA VisualGrafik

O vindeiro 31 de decembro acaba o prazo para cambiar os vellos billetes e moedas de pesetas por euros no Banco de España. O pasado mes de setembro, a institución lembrou que o troco pode realizarse en calquera das sedes que ten en varios puntos do Estado e que, ante a premura de tempo e a situación creada pola covid, puxera en marcha unha serie de materiais informativos, así como un sistema de cita previa. 

No que vai de ano, a sede do Banco de España en Galicia cambiou máis de medio millón de euros en billetes e moedas de peseta

En Galicia, e na única sede que o Banco de España ten no país, na cidade da Coruña, durante o que vai de 2020 cambiouse xa máis de medio millón de euros. En total, foron 555.900 euros, 502.100 en billetes de peseta e 53.800 en moedas, segundo a resposta que o Goberno central deu a unha pregunta parlamentaria do deputado de EH Bildu Jon Iñarritu. No conxunto do Estado, ata o pasado 11 de setembro, foron case 7 millóns de euros en billetes e algo máis de 2 en moedas. 

Segundo esa mesma resposta, que recolle a cantidade anual equivalente en euros de billetes e moedas de peseta cambiados nas sucursais do Banco de España desde 2011, nos últimos dez anos trocáronse en Galicia uns 7,5 millóns de euros. En concreto, 7.478.400 euros, dos cales 6,806 millóns foron billetes de pesetas e 672.700 euros en moedas. 

Na última década, en Galicia cambiáronse billetes e moedas de pesetas por valor de 7,5 millóns de euros

Segundo explica o Goberno central na resposta parlamentaria, "non é posible" saber con exactitude a cantiade de peetas que non se terán trocado así que expere o prazo fixado. Tal e como aclara o Executivo, no Estado quedaban, a 31 de agosto de 2020, aínda pendientes de cambiar billetes e moedas de pesetas por un contravalor de 1.600,7 millóns de euros. 

Malia que o ritmo de troco lévase incrementando nos últimos meses de maneira paulatina, e aínda que é previsible que as cantidades aumenten de aquí ao 31 de decembro, o Gobernoadvirte de que "é moi probable que unha determinada cantidade non será trocada finalmente, xa que se terá extraviado ou destruído, ou simplemente os cidadáns poderían optar por conservar os billetes. 

Ata final de ano, xa que logo, pódense trocar aínda as pesetas, pero no caso dos billetes, só aqueles postos en circulación a partir de 1939. Para os emitidos entre 1936 e 1939, é necesario unha análise previa por parte dos expertos do Banco de España. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.