Gandeiros e industrias chegan a un principio de acordo que podería suspender a folga

Manifestación de gandeiros diante do Parlamento CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Logo de dous días de folga, os sindicatos agrarios e as industrias lácteas chegaron na noite deste mércores a un principio de acordo, polo que SLG, XXAA e UUAA aconsellarán aos gandeiros que suspensan o paro de entregas de leite e que provocou xa perdas de 4 millóns de euros nas explotacións e a perde dunhas 12.000 toneladas de produto en toda Galicia.

Despois de case tres horas de reunión na Consellería de Medio Rural, á que asisitiu a súa titular Rosa Quintana, os voceiros das tres principais organizacións agrarias trasladarán aos seus afiliados os resultados da xuntanza nas asembleas, que se celebrarán esta noite de mércores e durante a mañá do xoves, polo que esperan que os propios produtores suspendan a folga, aínda que non se descarta que se poida retomar ou optar por outras mobilizacións.

Os sindicatos proporán finalizar a folga, pero non se descarta retomala ou optar por outras mobilizacións

Segundo Xabier Gómez Santiso, coordinador dos sectores gandeiros do Sindicato Labrego Galego, aínda "non hai acordo ningún", pero si "determinados compromisos" que agora a Xunta, como mediadora, tratará de confirmar e ratificar nos vindeiros días coas empresas. Segundo os sindicatos, a industria acabou recoñecendo que o sector está vendendo por debaixo de custos, así como a súa responsabilidade, e acordou "corrixir esta situación a partir do mes de xaneiro", polo que os produtores non volverían cobrar o leite por debaixo dos custos de produción.

O acordo non é firme, pero si os compromisos de aumentar o prezo que se lle paga polo leite aos produtores nos vindeiros meses

Máis adiante, e segundo as centrais, acordaríase unha folla de ruta co obxectivo de que se aplique en Galicia a lexislación vixente no sector para poñela xa en práctica a partir da campaña de abril e corrixir así a discriminación que sofren as explotacións galegas, que cobran os prezos máis baixos por litro de leite de todo o Estado e Europa. Os sindicatos explicarán a situación nas asembleas, que decidirán ou non deter a folga e se conceden uns dez días de prazo aos diferentes axentes do sector para chegar aos acordos pactados.

Baleirado de leite dun camión cisterna Dominio Público @GandeirosGal2

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.