Gayoso bota balóns fóra, elude responsabilidades e presume de xestión en Caixanova

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Nin autocrítica, nin asunción de responsabilidades nin temas polémicos. O ex director de Caixanova e ex copresidente de Novacaixagalicia avanzou as súas intencións á hora de presentarse ante a Comisión de Economía do Congreso. "Son director xubilado de Caixanova desde hai seis anos e ex copresidente de NCG. Nin como un nin como outro tiven funcións executivas, carecendo de poderes do Consello. Exercín como presidente ou copresidente cun carácter constitucional ou representantivo", dixo.

Gayoso empezou a comparecencia aclarando que el non tiña funcións executivas, senón representativas

Empezou botando balóns fóra e seguiunos botando durante o seu discurso inicial, no que fixo un repaso en forma de números á actividade de Caixanova desde 2008 e até a súa desaparición, presumindo de xestión e de resultados malia que o obxectivo da comparecencia era coñecer a situación das antigas caixas antes da fusión, así como da entidade resultante. Logo, insistiu: "Eu estiven á fronte de Caixanova, pero non estou no banco nin estou en Caixagalicia. Non teño lexitimidade para falar en nome de Novagalicia Banco". En canto á fusión, aclarou que non estaba el en contra, senón o consello de administración, e lanzou un dardo a Feijóo ao recoñecer que "nunca" tivo no seu poder a millonaria auditoría de KPMG que avalaba a operación. O presidente da Xunta negouno, en declaracións tras o Consello, suxerindo que o ex copresidente de NCG si tiña que coñecer o informe.

Gayoso fixo un resumo e defendeu o papel de Caixanova na economía galega e tamén a fusión, que considerou un movemento que "se fixo para apoiar o negocio na rexión, os servizos de banca minorista e a obra social", da que presumiu especialmente. Tamén da escola de negocios da entidade, dos intercambios estudantís ou da creación da Universidade de Vigo. Nin unha soa palabra sobre as preferentes, sobre as indemnizacións millonarias a directivos (polaa que está imputado) ou sobre a situación financeira que obriga a Novagalicia Banco a solicitar máis de 10.000 millóns de euros ao FROB.

Porque Gayoso falou como ex director de Caixanova e nunca como copresidente de Novacaixagalicia nin como responsable de calquera cousa que tivese que ver con Novagalicia Banco, do que louvou os seus xestores. 

Logo, presionado polas críticas dos deputados, pareceu querer falar das preferentes, pero volveu evitalo. "É un tema baixo un proceso xudicial e eu non podo opinar", aegurou, tras recoñecer que "é un problema social enorme" e defender a vía da arbitraxe defendida pola Xunta e Novagalicia Banco. "Pode dar solucións satisfactorias para os clientes e para a entidade e resolver boa parte do problema", sentenciou.

Gayoso aclarou que "nunca" tivo no seu poder o informe de KPMG que avalou a fusión

Tamén evitou falar sobre as millonarias indemnizacións aos directivos das caixas para volver botar balóns fóra. "É xusto que eu diga que non cobrei nin un euro nin pla miña xubilación, nin nunca. É un asunto que está en mans da Audiencia Nacional e alí ire a explicalo, pero agora non pode facer consideracións".

En canto á fusión, Gayoso tampouco quixo "volver abrir en canal o tema", pero aclarou que "quen se opoñía á fusión era o consello de administración" e non el, para a continuación asegurar: "Nunca tiven en poder o informe de KPMG".  "A fusión está feita e o que me preocupa a min é que NCG sexa un banco solvente, sólido e capaz", continuou.

“Se isto segue así, os valados do Congreso non serán suficientes para protexernos. Haberá que poñer un foso con tabeiróns financeiros", díxolle o socialista Cortizo

Nas respostas dos deputados, o galego do PSOE, Miguel Cortizo, foi moi duro con Fernández Gayoso. “Se isto segue así, os valados ou somieres do Congreso non serán suficientes para protexernos. Haberá que poñer un foso con tabeiróns financeiros, que son máis perigosos", aseguroulle o ex delegado do Goberno, tras cualificar a comparecencia dunha "tomadura de pelo". "Acaba de ensanchar vostede a miña confusión ata límites incribles, así como a de milleiros de cidadáns; así que vostede está xubiliado e non ten poderes executivos desde 2006? Pois daquela equivocámonos de persoa", engadiu. 

"Cuns números tan perfectos, como consta do seu discurso, como se pediron máis de 10.000 millóns ao FROB? As comparecencias nesta comisión están debuxando un mundo feliz", continuou Cortizo, que coincidiu con todos os deputados en criticar as palabras de Gayoso. "Sexa honrado e diga a verdade", pediulle o político socialista, que lle preguntou por que se negaba a fusión e por que a acabou aceptando.

Non foron menos críticos o resto de deputados. Desde o PNV tamén se preguntaron, como o resto, que sentido tiña a comparecencia se os xestores financeiros acudían para dicir "que todo era perfecto". "É consciente da percepción dos cidadáns sobre o que vostede di? É unha intervención extraterrícola", aseguroulle Joan Coscubiela, da Izquierda Plural.

Olaia Fernández Davila, do BNG, recordoulle que el si que tiña responsabilidades, que se cambiou a Lei de Caixas para que el puidese seguir de presidente e que aceptou o cobro de indemnizacións millonarias por parte dos directivos. Ademais, reprochoulle que non respondera "pregunta ningunha" sobre o que os deputados e os cidadáns queren saber, como o caso das preferentes ou as negociacións para a fusión. "Quen mentiu? O BNG non vén a esta comisión a facer o paripé", aseguroulle. "Expique o das preferentes, o drama que viven os afectados con pequenos aforros fundamentais", engadiu.

Até o deputado do PP criticou a Fernández Gayoso por facer "unha laudatio" ao fina da súa carreira. "É como un toureiro que se gusta cando tourea pero erra cando entra a matar", manifestou, logo de dicir que el "é tamén un responsable do desastre financeiro galego". "Pecou dunha extremada codicia en anos de vacas gordas", díxolle, tras criticar as elevadas indemnizacións del e doutros directivos e reclamarlle que "devolvan os cartos ao erario público".

Debeu ser unha sensación nova para o ex director de Caixanova, que tivo todo o auditorio en contra. Desde o primeiro até o último dos deputados, que viron na súa intervención inicial "un paripé", "unha tomadura de pelo" ou "unha inutilidade".

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.