Gayoso comparecerá no Congreso o vindeiro 26 de xullo

Alberto Núñez Feijóo e Julio Fernández Gayoso © Xunta

A subcomisión de seguimento do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) do Congreso decidiu, tras unha reunión na tarde deste luns, que Julio Fernández Gayoso, ex copresidente de Novacaixagalicia e ex director xeral de Caixanova, compareza o vindeiro xoves 26 na Comisión de Economía para dar explicacións sobre a súa xestión á fronte das entidade financeiras. Será o primeiro dos responsables do sector financeiro galego que dea explicacións publicamente e farao o mesmo día que Rodrigo Rato, Narcís Serra e Elena Salgado. Dous días antes, o 24, tócalle ao ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez (MAFO), e ao ex secretario de Estado, José Manuel Campa.

Rato, Serra e Salgado comparecerán tamén o xoves 26 de xullo; dous días antes farao MAFO

En setembro, á volta das vacacións, será a quenda doutros directivos financeiros e políticos. Daquela comparecerá o actual presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, e Mauro Varela, outro dos ex copresidentes de Novacaixagalicia, e que dimitiu hai poucos semanas do seu cargo, ao igual que fixera Julio Fernández Gayoso. 

Na listaxe commpleta rexistrada polo PP atópanse tamén o ex ministro de Economía Pedro Solbes; o actual titular do departamento, Luis de Guindos; o secretario de Estado, Fernando Jiménez Latorre; o actual gobernador o Banco de España, Luis María Linde, e o subgobernador anterior, Javier Ariztegui.

Tamén se pediu a comparecencia do presidente da Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV), Julio Segura; do exvicepresidente da entidade e actual subgobernador do Banco de España, Fernando Restoy; e doactual presidente de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri.

Completan a listaxe o ex presidente de Caixa Catalunya Manel Rosell; o presidente de Catalunya Banc, Adolf Todó; o ex presidente de Caja Castilla-La Mancha (CCM) Juan Pedro Hernández Moltó, o expresidente do Consello de Administración de Caja Sur Santiago Gómez Sierra; o expresidente da CAM Modesto Crespo, eo expresidente de Unimm Jaume Ribera, e os expresidentes do Banco de Valencia José Luis Olivas e Aurelio Izquierdo.

Feijóo, con Gayoso e Varela, na sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.