Guía para non perderse coas comisións dos caixeiros no 2016

Caixeiro da rede 4B CC-BY-SA eldiario.es

O próximo 1 de xaneiro non só empezará un novo ano, senón que tamén haberá un novo sistema de cobro de comisións no uso de caixeiros automáticos. Co aninovo entrará en vigor o Real Decreto-lei 11/2015, de 2 de outubro, que pretende regular as taxas que a banca cobra aos usuarios pola retirada de efectivo nos caixeiros automáticos. Aínda que a gran maioría das entidades aínda non estableceu as contías que recargará por este concepto), resulta práctico contar cunha guía para non perderse na arañeira legal.

Que cambia o Decreto-lei?

Até agora, a banca repercutiu nos usuarios o custo do uso da rede de caixeiros automáticos, que en España consta de 5.479 terminais, é dicir, 1,09 caixeiros por cada 1.000 habitantes. O elevado custo de mantemento desta rede levou a La Caixa, e despois a BBVA e a Santander, a cobrar 2 euros adicionais aos usuarios non clientes dos seus dispositivos, o que implicaba o cobro por duplicado de comisións por un mesmo servizo e, por tanto, a adopción dunha práctica que non está permitida pola lei. Coa nova lexislación, será a entidade emisora do cartón a que abone as comisións nas que incorra o seu cliente, con independencia de que lle repercuta este gasto total ou parcialmente. Antes de que se produza a operación de retirada de efectivo, a entidade deberá informar o titular do cartón do importe do servizo que lle cobrará ao seu banco para que este dea o seu consentimento e así continuar coa operación.

Canto pode cobrarme o meu banco por sacar diñeiro a débito nun caixeiro doutra entidade?

A comisión que terá que abonar a entidade emisora do cartón ao banco propietario do caixeiro poderá ser o resultado dun acordo entre ambas. A falta do mesmo, a taxa será a mesma en todo o territorio o Estado e non será discriminatoria en función do tipo de cliente e só poderá revisarse anualmente. Ademais, a entidade emisora do cartón non poderá repercutir ao seu cliente unha cantidade superior á comisión cobrada pola entidade titular do caixeiro en concepto de retirada de efectivo nin aplicarlle ningunha cantidade adicional por calquera outro concepto. Dentro destes límites, o importe a repercutir será o que libremente se fixe no contrato entre a entidade emisora e o seu cliente, é dicir, non hai ningún tope.

Que entidades estableceron xa as súas tarifas máximas?

Bankia, Banco Sabadell e as entidades da Rede Euro 6000 (integrada por Kutxabank, Ibercaja, Grupo Liberbank, BMN, Abanca, Unicaja, Caixa España-Douro, CajaSur, Caixa Ontinyent, Colonya Caixa Pollença e Cecabank) acordaron a aplicación dunha tarifa máxima de 0,65 euros por operación, sen límite de importe na extracción na súa rede conxunta de 17.808 caixeiros automáticos.

Doutra banda, Bankinter subscribiu acordos bilaterais con cinco grupos bancarios de ámbito estatal (Banco Popular, Cajamar, Laboral Kutxa, Caixa Rural e Deutsche Bank) que permitirán aos clientes de Bankinter dispor de efectivo a débito nunha rede de 8.143 caixeiros (o 19,7% do total de caixeiros de España) sen custo.

Abanca, xunto ao resto de entidades da Rede Euro 6000 e mais Bankia e Sabadell acordaron aplicar unha tarifa máxima de 65 céntimos por operación

Por agora ING só logrou un acordo coa rede de Bano Popular e coa Banca March. Para a entidade, que ten como bandeira non cobrar comisións e non ter rede de caixeiros, non alcanzar máis acordos faralle asumir uns altos sobrecustos polo uso do caixeiro se non lle queren pasar a factura aos seus clientes, algo que é un distintivo comercial para eles. A falta de acordos de ING vén da man de que, precisamente, a gran banca quérelle facer a guerra a este tipo de entidades que teñen negocio online e coas que teñen dura competencia en custos.

Ademais, CaixaBank só permitirá o uso gratuíto da súa rede de 9.544 caixeiros, a maior do Estado, aos seus clientes. O resto de entidades recibirán unha comisión de dous euros, que despois poderán trasladar ao titular do cartón de forma total ou parcial ou, pola contra, asumir por completo. Así mesmo, especúlase que outro dos grandes bancos, o BBVA, seguirá a mesma estratexia que La Caixa: os seus clientes poderán usar os seus caixeiros de forma gratuíta, mentres pasará recargas aos usuarios doutras entidades. A contía definitiva aínda está por determinar, pero podería estar ao redor dos dous euros. Santander cobrará 1,8 euros ao banco dos non-clientes.

Fontes do sector bancario aseguran que as novas tarifas irán coñecéndose aos poucos até final de ano, polo que as entidades apurarán até o último momento para cumprir coa nova lexislación.

Que implicacións terá na información ao usuario?

En primeiro lugar, as entidades deberán reformular os taboleiros de anuncios públicos nos que aparecen as comisións máximas vixentes e que están dispoñibles nas páxinas web de todas as entidades nas que deberán incluír os acordos alcanzados con outras entidades así como as comisións que solicitará aos bancos cos que non haxa pacto ningún. Por outra banda, o Real Decreto-lei recolle que, con carácter anual, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) remitirá un informe ao Ministerio de Economía e Competitividade sobre os acordos ou decisións levadas a cabo polas entidades referentes ás comisións por retirada de efectivo con cartón ou outros instrumentos de pago. O organismo poderá solicitar a información que crea oportuna aos bancos. Está previsto que o primeiro informe estea concluído no primeiro semestre de 2016.

Que opinan as asociacións de consumidores?

Adicae xa avisou de que vixiará que todas as novas comisións en caixeiros sexan razoables e proporcionadas ao custo real da operación e de que as recargas, tanto se resultan de alianzas coma se non, deben respectar os actuais prezos e garantir o bo funcionamento do sistema.

Caixeiro da rede 4B CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.