Guindos, o peor ministro de Economía de Europa segundo o Financial Times

De Guindos, ante a prensa © Ministerio de Economía

Luis de Guindos é o peor ministro de Economía de Europa. Cando menos iso é o que di o o Financial Times, que por sétima vez publica a súa clasificación dos responsables de finanzas da UE. Guindos ocupa a 19ª e derradeira posición global, a 17ª na valoración da súa xestión económica -só supera os ministros portugués e grego-, a 18ª na súa xestión política -supera ao responsable húngaro- e a 19ª en canto á súa credibilidade.

A clasificación está encabezada polo alemán Wolfgang Schaeuble, do que se destaca a súa xestión política, aínda que cae ao posto 12º en credibilidade. Os expertos do Financial Times gaban a xestión dos ministros sueco, polaco, finés e irlandés, que completan as cinco primeiras posicións. E salvan igualmente os responsables de finanzas de Eslovaquia -considerado o mellor xestor económico-, e tamén os de Italia e Portugal -8º e 10º a pesar da crise que viven os seus países. Pola contra, censuran o británico George Osborne e o francés Moscovici, que pechan a lista e só superan a Grecia, Hungria e España.

O Financial Times destaca de De Guindos o seu inglés fluido e a súa experiencia no sector financeiro, pero denuncia que "segue infravalorando a importancia da burbulla inmobiliaria e da crise" e critica a "bicefalia" Guindos-Montoro na área económica do Goberno. Na pasada edición Elena Salgado ocupaba o posto 13º, novena en canto á súa xestión politica, 13ª na súa xestión económica e 16ª en canto á súa credibilidade.

Clasificación do Financial Times © FT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.