Inditex é expulsada do pacto contra o traballo escravo no Brasil

Proveedor ilegal de Zara en Brasil, denunciado e pechado o pasado ano © Reporter Brasil

Zara Brasil foi expulsada do Pacto Nacional contra o traballo Escravo, unha iniciativa posta en marcha o pasado ano para rematar coas condicións ilegais e infrahumanas de traballo, e asinada pola OIT e un gran grupo de empresas. A razón é que a multinacional galega pedía a inconstitucionalidade dunha lista negra de proveedores elaborada polo Goberno brasileiro.

Zara, que xa fora investigada polo Ministerio de Traballo do Brasil por 52 casos de infracción das normativas laborais do país, asinou en 2011 o pacto e comprometeuse a investir 1,4 millóns de euros en accións sociais e a controlar as condicións de traballo das súas provedoras, entre as que unha fora denunciada por prácticas de traballo escravo. De feito, en xuño de 2011, unha investigación do Goberno descubriu a 15 persoas, incluida unha adolescente de 14 anos de idade, producindo pezas de roupa de Zara en condicións análogas á escravitude.

Despois da boa disposición inicial de Zara para solucionar a cuestión, o Goberno brasileiro acordou retirar desa lista negra as provedoras de Inditex, pero a multinacional continuou adiante co recurso xudicial aberto en São Paulo.

Proveedor ilegal de Zara en Brasil, denunciado e pechado o pasado ano © Reporter Brasil
Traballador nun taller de costura © apestan.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.