Inditex merca parte dos seus produtos en Bangladesh a través dunha filial suíza

Sede central de Inditex, en Arteixo © Xunta

Ninguén se sorprendeu. Cando en abril Forbes fixo pública a súa lista dos maiores millonarios do mundo, Amancio Ortega, propietario do 60% de Inditex era xa o terceiro. Os seus 43.000 millóns de euros só son superados polo mexicano Carlos Slim e por Bill Gates. A súa fortuna é maior que as do gurú financeiro Warren Buffett ou o patrón de Louis Vuitton, Bernard Anault.

A fortuna de Ortega creceu 15.000 millóns de euros en 2012. Os analistas atribúeno ao aumento da cotización de Inditex, superior ao 50% no último ano grazas aos seus espectaculares resultados. Os resultados son froito da xestión do novo presidente, Pablo Isla, que está a optimizar os custos do grupo cunha política de compras centrada en economías emerxentes e realizada en boa medida desde unha subsidiaria suíza, segundo facturas de provedores ás que tivo acceso eldiario.es.

As facturas, como a que se amosa nesta información, proban que Inditex compra en Bangladesh a través de ITX Trading SA, domiciliada en Friburgo, capital do cantón suízo do mesmo nome, a pesar de que a entrega da mercadoría debe realizarse no Polígono Inditex na localidade barcelonesa de Tordera. Fontes do sector aseguran que a mesma compañía, filial ao 100% de Inditex, é tamén a encargada de realizar boa parte das compras en China. Porque Inditex apenas produce. Deseña os seus produtos en España, pero encarga a maior parte da fabricación dos seus produtos a provedores de economías emerxentes.

Inditex apenas produce, encarga a maior parte da fabricación dos seus produtos a provedores de economías emerxentes

ITX Trading é unha das únicas catro compañías do grupo Inditex, composto por preto de 320 subsidiarias, dedicadas ás compras. As outras tres están domiciliadas en España: Uterqüe e Nikole na Coruña e Comditel en Barcelona. Portavoces oficiais da compañía, cando este diario preguntou por que Inditex realiza as súas compras en países como Bangladesh ou China a través da súa filial suíza, limitáronse a afirmar que as empresas de compras do grupo teñen "actividade en todo o mundo".

Fiscalistas consultados teñen unha explicación máis específica: "A fiscalidade suíza non só é máis favorable para este tipo de transaccións internacionais, senón que, ademais, hai anos, a Confederación Helvética, e en particular algúns cantóns como Friburgo, ofrecía a corporacións transnacionais como Inditex beneficios e exencións tributarias se se instalaban no seu territorio, de maneira que é unha dobre maneira de optimizar custos, comprando a economías emerxentes a prezos inconcibibles en Occidente e, ademais, sen apenas tributar por iso. Agora Suíza xa non ofrece esas condicións, pero mantenas para os que se instalaron no seu día atraídos por eses incentivos".

Segundo a memoria anual de Inditex de 2012, Inditex posúe en Suíza seis compañías subsidiarias: Amorne Trading, dedicada á distribución de calzado; Zara Suisse, que xestiona as tendas do buque insignia de Inditex; Bershka Suisse e Massimo Dutti Suisse; e dúas compañías baixo as siglas ITX, a xa citada ITX Trading e ITX Holding, que é unha sociedade de carteira, onde aparentemente se aparca boa parte da autocarteira de Inditex.

Inditex ten 770 persoas empregadas en Suíza, onde só ten 18 tendas

O rechamante é que todas as sociedades suízas de Inditex están domiciliadas en Friburgo e que empregan a 770 persoas. A cifra podería resultar desproporcionada se a misión do persoal fose só atender as 18 tendas que o grupo galego ten no país: 10 de Zara, seis Massimo Dutti e dúas Bershka. Pero, en realidade o volume de persoal que Inditex ten en Suíza tamén inclúe aos empregados de ITX Holding, a sociedade de carteira, e ITX Trading, a encargada de compras en países en vías de desenvolvemento e, en todo caso, demostran a importancia estratéxica destas dúas compañías para o grupo.

É certo, con todo, que, en termos relativos, os 770 empregados de Inditex en Suíza apenas representan unha pequena porcentaxe dos 120.314 traballadores que ten o grupo en todo o mundo, ou dos case 40.000 que ten en España. Pero constitúen un colectivo enorme, comparado co persoal que ten destinado en países dos que proceden boa parte da produción que o imperio de Amancio Ortega comercializa na súa rede de tendas. En Bangladesh, por exemplo, Inditex só ten 37 empregados a pesar de que provedores do país asiático realizan unha parte importante da fabricación dos produtos que o emporio galego deseña e comercializa.

En abril, un incendio nun complexo dedicado á fabricación de produtos de moda para occidente causou un milleiro de mortos

Os aludidos portavoces de Inditex mostráronse incómodos polo interese mostrado por este medio nas súas actividades en Bangladesh. O incendio en abril da complexo Ra Praza dedicado á fabricación de produtos de moda para marcas occidentais e que causou un milleiro de mortos preocupou especialmente á industria téxtil do primeiro mundo polas repercusións que o sinistro puidese causar na súa imaxe. Porque as medidas de seguridade dos traballadores eran moito máis que deficientes. A pesar do acordo alcanzado tras aquel incendio entre as empresas occidentais, a primeira semana deste mes produciuse outro incendio en Bangladesh que causou 10 mortes. O país asiático é obxectivo das ONG que reclaman un salario digno para os traballadores que fabrican produtos de moda para o consumo occidental.

Programas de axuda

Inditex, con todo, puxo a venda antes da ferida. Na súa memoria anual de 2012 destaca que promove en Bangladesh programas de patrocinio e mecenado e de desenvolvemento comunitario. O informe anual do ano pasado de Inditex asegura que o grupo galego investiu medio millón de euros neste tipo de actividades en Bangladesh.

A multinacional galega destaca que promove programas de desenvolvemento comunitario en Bangladesh

"A saúde e seguridade dos traballadores continúa sendo unha prioridade para o clúster de Bangladesh. En particular, durante este exercicio intensificouse a actividade dirixida á prevención de incendios e participouse activamente en distintas plataformas como Buyers Forum Bangladesh e ILO/BETTER WORK, sindicatos locais e Bangladesh Garments Manufacturers and Exporters Association (BGMEA) para unificar criterios e traballar de maneira conxunta para mellorar as condicións de seguridade das fábricas e velar polos dereitos dos traballadores en Bangladesh", asegura o informe anual de Inditex correspondente a 2012.

O grupo téxtil pechou 2012 cun beneficio neto de 2.361 millóns de euros, un 22% máis que o ano anterior. Pablo Isla, presidente e conselleiro delegado de Inditex desde a xubilación de Amancio Ortega, de 76 anos, en 2011, destacou durante a xunta de accionistas da compañía en xullo o papel "dinamizador" que o grupo téxtil exerce na economía española a través das exportacións e da creación de emprego. E chamou a atención sobre o esforzo tributario que o grupo dono de Zara realiza en España, onde paga 818 millóns de euros polo imposto de sociedades, por encima do volume de negocio que realiza no país.

Durante o primeiro semestre de 2013, Inditex gañou 951 millóns de euros, un 1% máis do que gañou no mesmo período do ano pasado. E o venres pasado, 18 de outubro, volveu pechar a Bolsa cun máximo histórico na súa cotización, 118,35 euros por acción, co que a fortuna de Amancio Ortega vale hoxe aínda máis que cando Forbes fixo pública a súa lista de maiores millonarios do mundo.

Factura xirada por un provedor a ITX Trading en Friburgo CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.