Algo se move no sector leiteiro galego. Paseniñamente e sen resultados aínda satisfactorios, pero a situación crítica pola que pasan as explotacións gandeiras, a exitosa folga de entregas de leite e os compromisos arrancados polos sindicatos á Xunta semellan ser un bo punto de partido cara á necesaria recuperación. O baixo prezo que as industrias pagan polo leite ás explotacións é a orixe dos problemas e o motivo polo que o sector loita desde hai tempo para que os gandeiros deixen de vender a un prezo medio de 29 céntimos por litro -o máis baixo do Estado e de Europa- fronte aos 35-36 céntimos que lles permitirían, cando menos, cubrir custos.
Algunhas empresas comezan a propor incrementos no prezo do leite a algún gandeiro
Segundo fontes gandeiras, algunhas industrias están comezando a propor un incremento no prezo do leite para o vindeiro mes de xaneiro e mesmo para este mesmo mes de decembro. Son propostas esporádicas e illadas dalgunha empresa e nalgunha comarca moi determinada, aínda que non semellan suficientes aínda para garantir a rendibilidade dunhas explotacións gandeiras afogadas desde hai moitos meses. Son, iso si, un indicio que alimenta a esperanza dun sector que agarda que se concreten as medidas e as intencións plasmadas no acordo asinado o pasado 7 de decembro, e ao que tivo acceso Praza Pública.
Nese documento, a Xunta comprométese a "coliderar e axilizar o proxecto de lei estatal de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria" e "garantir" así que todas as partes da cadea obteñan un beneficio que cubra os seus custos de produción", unha medida que debería concretarse en sancións legais ás industrias que obriguen a vender a perdas aos gandeiros. E aí onde os sindicatos ven unha das medidas que, de concretarse, máis axudará á recuperación do sector.
Outro compromiso importante do Executivo galego é aquel no que promete "medidas eficaces e áxiles para permitir a dispoñibilidade real de superficies destinadas á produción de alimentos, diminuíndo os custos e mellorando a súa competitividade". Xa que logo, habilitar mecanismos para facilitar ás explotacións gandeiras dispor de territorio suficiente para poder ter un modelo de produción con gastos máis asequibles.
Medio Rural presentará este venres aos sindicatos un borrador con posibles modificacións legais para facilitar unha maior base territorial ás explotacións
A Consellería de Medio Rural vén de dar o primeiro paso ao convocar aos sindicatos para o vindeiro venres a unha xuntanza na que presentará un borrador con posibles modificacións lexislativas de cara a facilitar a consecución de maior base territorial para as explotacións gandeiras. O obxectivo é conquerir que os gandeiros accedan a unha superficie agraria suficiente para reducir os custos de produción.