Os tres sindicatos galegos levan semanas recibindo queixas, denuncias e reclamacións dunha morea de traballadores que acusan as empresas de presionalos para que non secunden a folga do vindeiro xoves 29. Logo de ameazas de despido ou non renovación de contrato, as centrais acumulan chamadas e correos, moitos deles anónimos, pedindo consello ou, simplemente, desafogándose ante os seus representantes.
“Claro que recibimos queixas e denuncias, como en case todas as folgas, pero é difícil cuantificalas por varias razóns: porque chegan a cada federación ou representante e porque moitos dos que as fan non queren que se faga público ningún dato ante o temor ás represalias”, explican desde CCOO. En UGT, a situación é exactamente a mesma: “Non hai folga na que non recibamos chamadas e mensaxes dese tipo, iso sempre pasa”. A CIG, pola súa banda, xa denunciou que tan só na comarca de Compostela, unha morea de traballadores están sendo ameazados en caso de secundaren o paro, algo que consideran “inadmisible”. E non son poucos os casos.
“Os traballadores non queren dar os nomes e nin tan sequera sinalar á empresa porque en moitos casos son xente comprometida e advertida polas empresas, que tomarían represalias inmediatamente”
Só na área de Santiago, a central nacionalista fala de queixas chegadas “dunhas vinte empresas grandes, de entre 50 e 100 traballadores, e doutras moitas máis pequenas”. No entanto, poucas destas reclamacións chegan a se converter en denuncias ante a Xustiza. “Os traballadores non queren dar os nomes e nin tan sequera sinalar á empresa porque en moitos casos son xente comprometida e advertida polas empresas, que tomarían represalias inmediatamente”, explica Renato Núñez, secretario de Organización de CIG-Compostela, que aclara que as denuncias adoitan chegar unha vez rematada a folga e no caso de que existan esas represalias. O mesmo argumento esgrimen en CCOO e UGT para xustificar a ausencia de denuncias por vía xudicial.
“Xa temos asistido a moitas asembleas de traballadores onde a maioría da xente está a prol da folga xeral, pero onde tamén o medo impera; chégannos a pedir que acudan os piquetes á empresa para poder secundar o paro”
“Xa temos asistido a moitas asembleas de traballadores onde a maioría da xente está a prol da folga xeral, pero onde tamén o medo impera; chégannos a pedir que acudan os piquetes á empresa para poder secundar o paro”, insiste Núñez, que sabe que o éxito dunha folga en moitas compañías depende do apoio máis ou menos masivo que teña. “Se son poucos e os de sempre os que paran, a empresa vai directamente por eles”, resume, tras explicar o caso dunha firma onde a elevada cualificación dos operarios pode acabar sendo unha baza a favor do paro. “Se todos van á folga, a empresa non vai poder cumprir a súa ameaza porque non lle sería fácil atopar traballadores tan cualificados e experimentados como os que ten”, explica.
Nesta era de novas tecnoloxías, o correo electrónico é unha das vías polas que as centrais sindicais reciben este tipo de queixas, moitas delas anónimas ou con solicitude incluída de non facer público o nome do denunciante nin da empresa. Praza tivo acceso a un deses correos que podería explicar a situación de moitos traballadores."Este é só un exemplo dos moitos que recibimos", din desde o sindicato.
“Téñenme que renovar en breve e a cousa é tan sinxela como que se vou á folga non me renovan o contrato”
“Por máis que o intentei, e desde que acabei a carreira, nunca conseguín traballar un ano enteiro no mesmo posto de traballo nin do meu”, explica unha muller que supera os 30 anos e que está empregada desde novembro “cunhas condicións económicas escasas”, pero nun labor que lle gusta porque “ten posibilidades de futuro”. “Téñenme que renovar en breve e a cousa é tan sinxela como que se vou á folga non me renovan o contrato”, explica tras as ameazas da compañía.
"O meu corazón irá convosco e o meu corpo agochará a cabeza e acudirá puntualmente ao posto de traballo"
“Claro que estou en contra da reforma laboral, pero hai ben anos que me quitaron o dereito a protestar, logo de tanto tempo como levo tentando levantar a miña vida, loitando por un futuro de meu, que non dependa das doazóns económicas dos meus proxenitores e non implique vivir debaixo dunha ponte ou emigrar”, conta, ademais de explicar que tiña a posibilidade de denunciar a situación, pero que debido a diversos condicionantes, “todo se acabaría sabendo”. “Moi ao meu pesar, déixovos sós nesta singradura; o meu corazón irá convosco e o meu corpo agochará a cabeza e acudirá puntualmente ao posto de traballo, traballo que non será moi produtivo porque estarei de loito”, remata.