IRPH: A moi diferente visión dos xulgados mercantís e as audiencias provinciais

Acto de protesta en Barcelona © PAH Barcelona

Esta semana coñeceuse que o Xulgado do Mercantil Nº3 de Valencia ditou -con data 18 de novembro de 2015- unha sentenza de nulidade de IRPH que, ao non ser recorrida por ningunha das partes, converteuse na primeira sentenza firme de nulidade de IRPH por abusivo.

Dende finais de 2014 son moitos os ditames xudiciais que declararon abusiva a referencia ao IRPH nos contratos hipotecarios, anulando estas cláusulas que encarecen entre 100 e 400 euros o que os asinantes deben pagarlles cada mes aos bancos. Máis de 30 sentenzas en Euskadi, e algunhas máis en Barcelona, Valencia ou Castela-A Mancha, case sempre en xulgados do Mercantil. Porén, ata agora sempre que as entidades bancarias recorreron as sentenzas, as respectivas audiencias provinciais acabaron por darlles a razón, deixando abertos estes procesos con novos recursos -desta volta dos cidadáns afectados- que sebe estudar o Tribunal Supremo.

Hai, polo tanto, unha clara diferenza de criterio entre os xuíces do mercantil e outros maxistrados, á hora de interpretar a legalidade do Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios, sobre o que o propio Banco de España recoñeceu que se trata dun índice "manipulable" e opaco. As sentenzas ditadas por algúns xuíces do mercantil, coma Edmundo Rodríguez Achútegui, que en Donosti asinou máis de trinta ditames de nulidade de IRPH, marcan un camiño para outros casos abertos, coma o do ferrolán Marcos Guerreiro.

Estas sentenzas sinalaron que as entidades financeiras “inflúen no importe do índice que se utiliza”, que houbera falta de transparencia e de información aos clientes, sobre todo tendo en conta que "a aplicación do índice IRPH resulta máis gravosa para o consumidor ou cliente que a aplicación dun tipo coma o Euribor”, pois “o IRPH Caixas situouse sempre por riba do Euribor”.

A plataforma IRPH Stop Gipuzkoa chama a atención sobre esa moi diferente interpretación da lei, "un feito xuridicamente insólito"

A plataforma IRPH Stop Gipuzkoa chama a atención sobre esa moi diferente interpretación da lei, "un feito xuridicamente insólito", criticando no seu caso á Audiencia Provincial de Guipúscoa, da que sinalan que é "notoria" a súa "soidade na defensa do IRPH". "As sentenzas son demoledoras porque ademais da falta de transparencia recoñecen a manipulabilidade do índice", pero "a Audiencia de Guipúscoa segue defendendo a súa validez con argumentos ridículos e escandalosos", din. "Tememos que poida existir algún tipo de presión que explique o que non conseguimos explicarnos doutro xeito. Non en balde estamos a falar dunha estafa multimillonaria que afecta, segundo os nosos cálculos, a máis de 1,3 millóns de familias en todo o Estado español", engaden.

Á falta dunha solución xudicial para os milleiros de afectados e afectadas en toda España, tampouco semella próxima unha solución política. Os votos de PP e PSOE no Parlamento europeo permitiron que o proxecto de regulamento sobre índices de referencia sigue adiante sen incluír o IRPH.

Campaña contra o IRPH a cargo dunha entidade vasca © Angula Berria
Acto de protesta en Barcelona © PAH Barcelona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.