José Antonio Gómez deixa o liderado de UGT Galicia logo de 20 anos

José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia © UGT-Galicia

O secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, anunciou este venres que non se presentará á reelección para liderar o sindicato no vindeiro congreso nacional, os vindeiros mércores e xoves 26 e 27 de decembro, que elixirá unha nova dirección. 

Gómez, ourensán nacido en 1965, deixará a secretaría xeral de UGT Galicia logo de case vinte anos, un posto ao que chegara en 2005 e no que acumula cinco mandatos consecutivos logo de ser reelixido por última vez en 2001. Así o anunciou na rolda de prensa de presentación do 14º Congreso Nacional, na que asegurou que foi unha "honra" representar a UGT Galicia durante dúas décadas. 

José Luis Fernández e José Antonio Gómez, durante a presentación do 14º congreso de UGT Galicia © UGT Galicia

Gómez abandona logo de case 20 anos o liderado de UGT Galicia, ao que chegou en 2005

José Antonio Gómez foi traballador de Telefónica na cidade de Ourense e iniciouse na andadura sindical como secretario de Formación da federación provincial de Transportes e Comunicacións de UGT. De aí pasou a ser secretario de organización da mesma federación ourensá para logo exercer como secretario executivo do sindicato a nivel galego. 

En UGT Galicia desempeñou o cargo de secretario de Organización da Federación de Transportes, Comunicacións e Mar e logo secretario xeral, para acceder á secretaría xeral do sindicato en 2005, no IX congreso. Daquela sucedeu no cargo a Xesús Mosquera, que facía un cuarto de século como cabeza visible da organización. 

Así, un total de 153 delegados serán os que elixan a vindeira semana os órganos de dirección para os próximos catro anos, ademais de analizar a xestión do último mandato e elaborar unha folla de ruta. O lema do congreso será Máis e mellor sindicato.

Xunto a Gómez, o secretario de Organización de UGT Galicia, José Luis Fernández, explicou as principais liñas dun congreso que se centrará en impulsar unha acción sindical que dea "un papel central e protagonista á clase traballadora" no "deseño e execución dun modelo sostible de sociedade desde a perspectiva social, igualitaria, económica, laboral e ambiental, capaz de facer fronte ás importantes e vertixinosas transformacións que están a impactar hoxe na vida das persoas e que, sen dúbida, tamén o farán no futuro".

José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia © UGT-Galicia

Durante os dous días que dura o congreso intervirán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a secretaria xeral do de CCOO de Galicia, Amelia Pérez; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez; ou o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez. Tamén o fará o novo ou nova secretaria xeral de UGT Galicia, que pechará o conclave.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.