Labregos de toda Europa piden unha PAC que aposte pola soberanía alimentaria e un medio rural vivo

Isabel Vilalba participou nun acto de doazón para o Banco de Alimentos Dominio Público Praza Pública

Este mércores chega a Bruxelas a Marcha por unha boa alimentación e unha boa agricultura que despois de saír dende diversos puntos de Europa confluirá diante do Parlamento Europeo. Labregos de toda Europa demandarán alí alimentos con prezos xustos para labregos e labregas e para a cidadanía, respecto polo medio ambiente e soberanía alimentaria. A mobilización inscríbese tamén na xeira reivindicatica que organizacións de todo o continente van levar a cabo dende este outono para que a nova reforma da Política Agraria Común (PAC), que se negociará ao longo de 2013, incorpore esas demandas.

Na marcha participa o Sindicato Labrego Galego como membro da Coordinadora Europea da Vía Campesina. A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, xa está en Bruxelas para manter encontros con outros sindicatos e pedir a regulación pública das diversas producións agropecuarias e dos mercados, de cara a termos uns prezos xustos que cubran os custes de produción. "O que coñecemos da nova PAC non nos gusta nada: segue no camiño de desregularizar e liberalizar os mercados. Isto na práctica significa que os produtos se van adquirir nos lugares do mundo que son máis baratos e son máis baratos polas condicións inhumanas en que se producen ou polos tóxicos que utilizan", di.

ParaVilalba a desregularización significa "destrución do emprego no rural, con todo o que iso implica para o despoboamento do rural e a xestión do territorio"

Isabel Vilalba engade que esa desregularización significa "destrución do emprego no rural, con todo o que iso implica para o despoboamento do rural e a xestión do territorio. Tamén incrementa a dependencia alimentaria. A soia, que é fundamental para a alimentación do gando, subiu o seu prezo un 70% no que vai do ano por ese motivo".

O SLG tamén demanda que as axudas directas vaian destinadas exclusivamente a agricultores e agricultoras en activo e a apoiar a pequenas e medianas explotacións, e non a grandes empresarios e terratenentes que, moitas veces, nin sequera viven no medio rural. "A PAC non apoia os labregos, senón que os seus criterios priman a superficie e os grandes propietarios. Hoxe a nivel do Estado uns dous mil perceptores de axudas reciben o mesmo que outros 150 mil", afirma.

"A PAC non apoia os labregos, senón que os seus criterios priman a superficie e os grandes propietarios"

Isabel Vilalba participou este martes en Madrid nun acto reivindicativo da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que o SLG é membro, e no que se doaron máis de 5.000 quilos de produtos básicos de orixe labrega ao Banco de Alimentos como leite, azucre, aceite, froita e hortalizas. O acto formaba parte das accións da Coordinadora Europea da Vía Campesina de cara a que a nova PAC poña no seu centro de atención s agricultura labrega.

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.