MAFO: "Sen fusión, as dúas caixas galegas estarían intervidas"

MAFO, xunto a Jesús Caldera, no Congreso © Congreso dos Deputados

O exgobernador do Banco de España Miguel Ángel Fernández Ordóñez (MAFO), asegurou que sen a fusión de Caixa Galicia e Caixanova "habería que intervir dúas caixas" de aforro, pero, malia que os proxectos "non eran os ideais", a Xunta "decidiu". "Os proxectos, por exemplo, de Novacaixagalicia... Eran os ideais? Non, non eran os ideais", sentenciou. 

Así, o ex gobernador manifestou que "evidentemente" eran mellor "outros proxectos" como "algúns" que implicaban a fusión "con outras entidades internacionais". No entanto, volve aclarar, "a comunidade autónomia decidiu, e foi o único caso, en que non habería fusións internacionais", engadiu  "A pregunta foi a supervisión do Banco de España e isto aprobámolo a pesar de todo, a pesar de que non é o que nos gustaría", dixo tamén.

"Aprobámolo a pesar de que non é o que nos gustaría"

"Algún di agora que non hai que elixir entre o malo e o bo senón entre o malo e o peor... Pois o peor é que habería que intervir dúas caixas e o peor era que non désemos a oportunidade a un plan que se a situación económica  fose boa e se cumprise rigorosamente pois sairía ben", destacou, para a continuación aclarar: "Nin a situación económica foi boa nin o plan se cumpriu rigorosamente; e estamos onde estamos".

"A situación económica non foi boa e o plan non se cumpriu rigorosamente... Agora estamos onde estamos"

Ademais, e en canto ao futuro de Novagalicia Banco e CatalunyaCaixa, Fernández Ordóñez preguntouse, noutro momento da súa intervención, "que hai que facer" e resolveu que "poxalas". A este respecto, considerou que "parar as poxas" non lle parece "correcto". "O que estaba planeado até agora era vender as dúas.

O ex gobernador aposta claramente por vender Novagalicia Banco

Así, sinalou que "o que estaba planeado, até agora", era "vender" Novagalicia Banco e CatalunyaCaixa. "E a quen se lle dá o diñeiro? Os 6.000 millóns que piden. Á caixa que se equivocou ou ao que queda con? Ao que queda con el, ao xestor que non se equivocou", opinou.

"Agora estámolo vendo, con todo o respecto aos dirixentes de Galicia, 'non, que me dean o diñeiro a min". "Non. Eu de pequeno non entendía aquilo do Evanxeo de ao que ten daráselle e ao que non ten quitaráselle. Pois iso é o que fixemos. Ao que se equivocou síntoo moito e ao que, en cambio, demostrou que gaña diñeiro e que sabe facer ben as cousas é ao que se lle axuda, para que saque adiante as cousas", dixo.

Nesta liña, defendeu o proceso de reestruturación financeira polo cal han ir desaparecendo a maior parte das caixas de aforro españolas e indicou que se fixo cos menores recursos posibles". "Aquí o problema era coller todas as entidades e pechar. E pechalas amodo, sen que custase moito diñeiro. Amodo porque era obrigado que fosen decisións individuais", engadiu.

As fusións, asegurou, "non as autoriza o Banco de España", senón as asembleas das caixas e as comunidades autónomas "no seu caso". "E cales son os resultados? Pois mire vostede, desapareceron", abundou.

MAFO, xunto a Jesús Caldera, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.