Máis da metade dos concellos galegos teñen máis pensionistas que traballadores

Na provincia de Ourense hai só 13 localidades con máis traballadores/as que pensionistas Dominio Público Praza Pública

Hai 167 concellos nos que os e as pensionistas son xa maioría e tan só 146 nos que aínda hai máis traballadores e traballadoras

Dende hai 9 anos a provincia de Ourense suma máis pensionistas que traballadores e traballadoras, aínda que nesta estatística figuran un bo número de persoas que residen noutros países. É unha situación na que tamén estivo a provincia de Lugo e cara a que probablemente se dirixe unha parte importante dos territorios do Estado. No conxunto de España hai xa menos de dous cotizantes por cada pensionista (1,92), un ratio que en Galicia é moi inferior (1,29). Aínda que a realidade é algo mellor na Coruña e Pontevedra (1,43 cotizantes por cada pensionista), tamén as provincias galegas occidentais presentan unha relación moito máis negativa que a media estatal.

Ames, Oroso, Arteixo, Cambre, Culleredo, Barbadás, Teo, Salceda de Caselas, O Porriño, Oleiros teñen aínda o dobre de cotizantes

Evidentemente, hai moitas diferenzas por concellos. Dende as cidades e vilas de maior tamaño e poboación menos envellecida, que teñen aínda moitos máis traballadores e traballadoras que pensionistas, ata as localidades con medias de idade maiores -sobre todo na zona rural- que presentan xa unha desproporción moi acusada, con moitos e moitas máis pensionistas que cotizantes. En total, hai 167 concellos nos que os e as pensionistas son xa maioría (datos de decembro de 2016) e tan só 146 nos que aínda hai máis traballadores e traballadoras.

Vilas como Ames, Oroso, Arteixo, Cambre, Culleredo, Barbadás, Teo, Salceda de Caselas, O Porriño, Oleiros, nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo ou próximas a Compostela e Ourense, teñen o dobre de traballadores que de pensionistas. Outros 32 concellos, entre eles cinco das sete cidades (Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra) presentan ratios superiores a 1,5 traballadores por pensionista.

11 concellos xa teñen o dobre de pensionistas que de traballadores/as

No extremo contrario aparecen 11 concellos que xa teñen o dobre de pensionistas que de traballadores/as cotizantes. Trátase de O Irixo, Verea, Laza, A Teixeira, Porqueira, Vilardevós, O Bolo, Quintela de Leirado, Calvos de Randín, Beariz e Avión. Todos eles pertencen á provincia de Ourense. De feito, nesta provicia son moi poucos (13, exactamente) os concellos que aínda teñen máis cotizantes que pensionistas. Ademais de Barbadás e a propia capital provincial, son O Carballiño, Ribadavia, Coles, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Allariz, A Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras, Verín e Xinzo de Limia. Porén, é unha situación na que tamén se atopa unha parte importante dos concellos da provincia de Lugo, do interior de Pontevedra, da Costa da Morte e a Ría de Muros e Noia ou do Ortegal.

En toda a provincia de Ourense hai só 13 localidades con máis cotizantes

Esta situación ten lugar nun momento no que o futuro das pensións públicas está en dúbida, ante a práctica supresión durante os gobernos de Mariano Rajoy do fondo de reserva e o fomento dos plans de pensión privados. E, igualmente, ante o descenso na contía das novas pensións de xubilación, un proceso que xa se iniciou, causado polos recortes salariais dos útlimos anos, o alongamento das vidas laborais esixidas para o cobro íntegro das pensións e a situación de desemprego que sufriron persoas que estaban ao borde da xubilación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.