Máis da metade dos traballadores galegos a tempo parcial non cobra nin o salario mínimo

Persoal dunha factoría CC-BY-NC-SA CIG

Máis da metade dos traballadores galegos a tempo parcial non cobra nin tan sequera o salario mínimo. Así se tira dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) debullados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que volven confirmar que entre as persoas con xornada laboral non completa concéntranse os tramos salariais máis baixos.

O 55% dos asalariados galegos con xornada parcial gañou menos do salario mínimo en 2013

Segundo estas cifras, que fan referencia ao ano 2013, o 54,9% dos asalariados galegos con xornada parcial gañou menos de 638,09 euros mensuais e, xa que logo, nin tan sequera chegou a cobrar o salario mínimo establecido. Ademais, o 29,9% cobrou entre 638,09 e 983,36 euros, mentres que tan só o 15,2% restante se achegou ou superou os mil euros, ao pasar dos 983,26 euros mensuais. En total, o 85% dos traballadores parciais recibiu menos de mil euros ao mes. Pola contra, entre os asalariados con xornada completa, a porcentaxe dos que ingresaron menos de 638,09 euros ao mes non chega ao 1%.

Segundo os datos que recolle o IGE, o conxunto de asalariados con xornada completa representaba naquel ano o 84,9% do total de asalariados en Galicia. O 20,4% destres traballadores ingresou menos de 1.217,41 euros ao mes, o 40,3% entre 1.217,41 e 1.819,63 euros e o 39,2% máis de 1.819,63 euros mensuais.

Máis do 20% dos asalariados a xornada completa cobrou menos de 1.217 euros brutos ao mes

Os datos de salarios recollidos, segundo aclara o IGE, refírense ao salario bruto recibido do emprego principal, considerando tamén as pagas extras e outros complementos anuais, dividindo a súa cantidade por 12. Tamén se inclúen os pagos por horas extras regulares, propinas e comisións.

Ademais, o sexo tamén é relevante á hora de analizar os salarios. Así, o 17,5% dos homes recibiu un salario inferior aos 1.217 euros mensuais en 2013, o 41% gañou entre 1.217 e 1.819 e o 41,5% percibiu máis de 1.819 euros. Entre as mulleres, non obstante, a porcentaxe incluída no primeiro dos intervalos (menos de 1.217 euros ao mes) sobe ata o 46,2%, case a metade de todas elas, das que o 24,2% tiñan xornada parcial fronte ao 6,6% dos homes.

O 46% das mulleres cobrou menos de 1.217 euros ao mes, fronte ao 17,5% dos homes

En canto ao nivel de estudos, polo xeral o salario increméntase a medida que aumenta a formación. Así, en 2013, practicamente a metade (50,9%) dos asalariados con estudos superiores ingresou máis de 1.819,64 euros ao mes, mentres que para a poboación que non acadou o nivel de formación de educación secundaria de segunda etapa esta porcentaxe non chega ao 15%. De feito, en 2013, o 51,9% da poboación de menor nivel de formación (analfabetos e estudos primarios) percibiu un salario inferior aos 1.217,41 euros.

Traballadores da construción, nunha obra en Vigo CC-BY-NC-SA CIG
Mobilización das traballadoras de Cuca CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.