Máis de 120.000 parados galegos non cobra prestación ningunha

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

“A Galicia que decrecía economicamente é agora unha Galicia que aspira a crecer un 2% o próximo ano e a Galicia que destruía emprego é agora unha Galicia que está empezando a crear emprego”. Así o asegurou Feijóo no discurso de fin de ano. E o país conta con 19.145 persoas menos apuntadas nas oficinas de emprego que hai un ano. É froito da creación do emprego? Ou tamén da emigración e do desleixo de moitos que xa nin se apuntan nas listas como demandantes de emprego?

De atender á tendencia do mercado laboral galego tras o remate do verán, a situación é máis que dramática. O desemprego aumentou de forma consecutiva durante os últimos catro meses e en decembro este incremento foi o maior de todas as autonomías do Estado. E con bastante diferenza. A proclamada recuperación da que presumen PP e Xunta non é tal e nin tan sequera os resultados interanuais sitúan Galicia á cabeza de nada. Ata en cinco territorios o paro baixou máis nos últimos doce meses.

Aumenta o paro e a temporalidade, descende a afiliación á Seguridade Social e baixa o número de persoas que cobran prestación

Increméntase o paro, descende a afiliación á Seguridade Social, baixa o número de persoas que cobran algún tipo de prestación e o aumento da temporalidade non se detén, a pesar de que se incrementa o número de contratos. E no medio, case 13.000 galegos emigraron no primeiro semestre do ano. 160.000 persoas desde que comezara a crise en 2008.

Xa que logo, o paro aumentou en decembro en 3.286 persoas, situándose ao remate de 2014 nun total de 251.981 desempregados, un 1,32% máis que en novembro. O incremento afectou a todas as provincias, especialmente ás da Coruña e a de Pontevedra, e a todos os sectores, nomeadamente industria e construción, experimentando un leve descenso nos ervizos e no colectivo sen emprego anterior. Ao tempo, o desemprego baixou no conxunto do Estado nun 1,43%, descendendo en 64.405 persoas.

Son xa máis de 120.000 os desempregados que non cobran prestación ningunha, 4.000 máis que o mes pasado

E mentres a emigración e o paro seguen medrando, son xa máis de 120.000 os desempregados que non cobran ningún tipo de prestación, fronte aos 116.000 do pasado mes de novembro.

No mes de novembro había 128.451 persoas cobrando unha prestación por desemprego e xa hai máis persoas percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva. A distribución das prestacións por desemprego, tal e como debulla CCOO, é a seguinte: 55.911 son prestacións contributivas, 59.308 xa son subsidios por desemprego e 13.232 corresponden á renda activa de inserción. O 56,47% deles non recibe a prestación contributiva. Xa non ten dereito a ela.

É no terceiro mes consecutivo que isto pasa e débese, segundo a análise dos sindicatos, á precariedade do emprego creado e á permanencia no paro, que conduce ao esgotamento das devanditas prestacións.

Xa hai máis xente en Galicia cobrando un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva

Ademais, a cobertura do sistema de protección por desemprego durante novembro de 2014 foi do 56,3 %, mentres que un ano antes era do 60,3 %. Isto significa que en Galicia xa hai arredor de 100.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego. A contía media da prestación contributiva percibida por persoa beneficiaria no mes de novembro de 2014 foi de 773,8 euros ao mes (na media estatal sobe ata os 809,5 euros).

 

O drama da temporalidade

A estes dramáticos datos únese a temporalidade. Malia subir o paro e haber menos afiliados á Seguridade Social, aumentou o número de contratos asinados até os 59.094, un 3,08% máis que no mes anterior, dos que só foron indefinidos 4.444, un 9,77% menos que en novembro e que supoñen pouco máis do 7% do total no último mes do ano.

En canto ás franxas de idade, e en comparación co pasado mes de novembro, o paro baixa en 993 persoas na poboación menor de 25 anos (un 7,04 % menos) pero nos maiores desa idade subiu en 4.279 (un 1,82 %). Asináronse 1.763 contratos máis que en novembro pero esa contratación foi temporal: 2.244 contratos temporais máis fronte a 481 contratos indefinidos menos.

O 7,9% dos contratos asinados en 2014 en Galicia foron temporais

Con respecto ao mes de decembro de 2013, asináronse 6.332 contratos máis: 862 indefinidos e 5.470 temporais. En proporción, a contratación indefinida sobe un 24,06 % e a temporal, un 11,12 %. Durante todo o ano 2014 rexistráronse 786.193 contratos, dos que 724.404 foron temporais (92,14 % do total) e só 61.789 (o 7,86% do total) tiveron carácter indefinido.

No que respecto á afiliación á seguridade social, en decembro sobe no conxunto do eEstado pero en Galicia segue ebaixando, xa que hai 2.178 persoas afiliadas menos que en novembro. A cifra total de persoas afiliadas é de 926.482 persoas. Isto equivale a unha caída do 0,23%, mentres que na media estatal houbo un incremento da afiliación de 79.463 persoas (un 0,48 %). A afiliación caeu no réxime xeral (1.969 afiliacións menos) e no do mar (308 afiliacións menos), mentres que no de autónomos houbo 100 afiliacións máis.

No último ano, a afiliación á seguridade social subiu menos en Galicia que no conxunto do Estado: un 1,30 % fronte ao 2,55 %. O paro rexistrado e a afiliación non evolucionan de xeito proporcional: o desemprego caeu en 19.145 persoas con respecto ao mes de decembro de 2013 e, pola contra, nese período a afiliación á seguridade social só aumentou en 11.856 persoas. A conclusión para os sindicatos CIG e CCOO isto é froito da constatación de que os galegos e galegas "seguen abandonando o noso mercado laboral ante a falta de expectativas de atopar un emprego". O precario ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar o perdido durante a crise.

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.