Máis do 57% dos fogares galegos chega a fin de mes con "dificultade" ou "moita dificultade", segundo a Enquisa Conxuntural de Fogares que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ao último cuadrimestre de 2015. Son, en detalle, un 48,25% as familias que din chegar con dificultade e un 8,84% con moita dificultade, fronte ao un 42,9% que o fai con "facilidade ou moita facilidade".
Máis do 57% dos fogares galegos chega a fin de mes con "dificultade" ou "moita dificultade"
A situación, xa que logo, é semellante á de hai un ano aínda que lixeiramente mellor- cando o 58,9% dos fogares chegaban a final de mes tamén con dificultade ou moita dificultade, e á do trimestre anterior, onde esta porcentaxe situábase no 59%.
Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese un incremento de 1,91 puntos na porcentaxe de fogares que chega con “facilidade ou moita facilidade” a fin de mes. A porcentaxe dos que chegan con dificultade cae 1,56 puntos, mentres que as dos fogares que chegan con moita dificultade baixa 0,35 puntos. En relación ao cuarto trimestre de 2014, a porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes diminuíu 2,06 puntos e o de fogares que o fai con moita dificultade aumentou 0,25 puntos.
A confianza do consumidor volve baixar neste último cuadrimestre, ao baixar todos os indicadores de perspectivas de evolución económica
A recuperación económica non dá chegado plenamente aos fogares, que tampouco teñen unhas perspectivas demasiado optimistas de cara ao futuro. De acordo coa enquisa do IGE, o indicador de confianza do consumidor reflicte agora un valor de -11,81 puntos, 3,12 puntos menos do referido ao trimestre anterior e máis de 5 menos que hai un ano. Nos últimos tres meses do ano pasado, diminuíron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución, o referido á situación financeira persoal (1,60 puntos); o de desemprego (3,28 puntos); o de situación económica en Galicia (3,63 puntos) e o de capacidade futura de aforro (3,99 puntos).
Quen ingresa menos de 600 euros ao mes ten un indicador de confianza case 50 puntos menor que quen recibe 3.000
Ademais, o indicador de confianza do consumidor varía en función dos ingresos de cada fogar. Aqueles que teñen menos ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos, mentres que a confianza aumenta ao incrementarse os ingresos do fogar. Así, no caso dos que teñen ingresos de menos de 600 euros ao mes alcanza o valor de -31,56, mentres que nos fogares con ingresos por riba de 3.000 euros o indicador sitúase en 16,52, segundo recolle o IGE.
Por outra banda, o 23,48% dos fogares galegos non se permitiu “ningún extra” nos últimos tres meses. En concreto, segundo recolle esta enquisa, como “extra” considéranse os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras e extras de alimentación, roupa ou calzado. A porcentaxe é un punto inferior á de hai tres meses e máis de catro á de hai un ano, un dato que si amosa unha leve mellora na situación das familias de Galicia.
Case un de cada catro fogares galegos non se permitiu "extra ningún" nos últimos tres meses
Ademais, o 14,18% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, adquirindo marcas brancas ou produtos de oferta. “Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos no cuarto trimestre de 2015″, subliña a enquisa. Así mesmo, o 13,43% dos fogares galegos diminuíu gastos comúns como roupa ou calzado e transporte. Con todo, o 67,40% dos fogares galegos recoñecen ter pensado saír a cear, a cafetarías, ir ao cine ou ao teatro nos próximos tres meses. O 49,58% ten previsto facer algún extra en produtos de alimentación, o 35,80% aforrar “algo” en diñeiro e o 17,81% facer algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado. Por outra banda, o 18,12% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal que compraron, o 7,81% o coche e o 1,98%, unha segunda vivenda.