Condena de 60.000 euros a Adolfo Domínguez tras xornadas laborais de "10 e incluso 11 horas"

Unha tenda de Adolfo Domínguez e sentenza que constata o trato indigno que deu a unha traballadora CC-BY-SA Imaxe: Adolfo Domínguez | Montaxe: Praza Pública

O TSXG reprocha á empresa que atentou "dobremente contra a dignidade dunha traballadora": por esixirlle unha dedicación que puxo en risco a súa saúde e, tras volver dunha baixa, degradala

"Atenta dobremente contra a dignidade dunha persoa traballadora que: primeiro, se lle esixa unha dedicación no desempeño que poña en risco a súa saúde; e, segundo, cumprida a mesma, e tras estar a traballadora de Incapacidade Temporal [baixa], se lle degrade na organización da empresa cando se reincorpora". Así vén de pronunciarse sobre Adolfo Domínguez SA unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ratifica que a empresa de moda debe pagar unha indemnización de 60.000 euros a unha empregada "con xornadas de traballo que chegaron a superar en diversas ocasións as dez horas, e incluso as once horas".

Adolfo Domínguez cos presidentes da Xunta e da Deputación de Ourense recibindo un premio hai un ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza agora feita pública polo TSXG e asinada a mediados de setembro ratifica outra previa dun xulgado do Social de Ourense que en febreiro deste ano recoñeceu o dereito da traballadora a resolver unilateralmente o seu contrato con dereito a indemnización porque a empresa modificara substancialmente as súas condicións de traballo.

Segundo os feitos probados pola xustiza, a muller viña traballando para Adolfo Domínguez como xefa de departamento, sendo a responsable de selección e formación. A traballadora queixouse en varias ocasións e a varios cargos da empresa da "excesiva carga laboral que tiña que asumir" e acabou de baixa laboral. 

A xustiza recoñece o dereito da traballadora a resolver unilateralmente o seu contrato con dereito a indemnización porque a empresa modificara substancialmente as súas condicións de traballo

A xustiza deixa constancia de que durante o mes anterior a esa baixa a muller realizou xornadas laborais de máis de 10 horas, mesmo traballando sen descanso sábados e domingos tamén con varias horas de traballo neses días. 

A traballadora reincorporouse varios meses despois e atopou que "aínda que formalmente a empresa lle seguiu recoñecendo a mesma clasificación profesional, o certo é que deixou de desenvolver as funcións de xefa de departamento", deixou de ter ningunha persoa ao seu cargo e viu "degradada a súa posición na xerarquía da empresa". Pouco despois a muller acabou novamente de baixa, mesmo cun ingreso hospitalario.

Interior dunha tenda de Adolfo Domínguez © Adolfo Domínguez

Durante o proceso xudicial a empresa alegou, entre outras cuestións, que mantivera á traballadora o posto e que percibía "o mesmo salario e con idéntica xornada e horario", polo que rexeitaba que lle impuxera unha modificación substancial das condicións de traballo. Pero o TSXG di que si que houbo tal modificación das condicións de traballo, unha "mobilidade funcional descendente, que non consta teña carácter temporal nin razóns que a xustifiquen", que dan dereito á muller a resolver o contrato con dereito a indemnización. 

O TSXG tamén constata o "incumprimento" pola empresa "das normas de prevención de riscos laborais froito dunha excesiva carga de traballo cos riscos psicosociais vinculados"

O tribunal salienta, como fixera previamente o xulgado do Social, que a baixa da muller estivera vinculada "coa situación de sobrecarga de traballo" dunha empregada que "tivera unha especial dedicación á empresa, con xornadas de traballo que chegaron a superar en diversas ocasións as dez horas, e incluso as once horas". Foi, di a xustiza, un "incumprimento pola empregadora das normas de prevención de riscos laborais froito dunha excesiva carga de traballo cos riscos psicosociais vinculados".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

"E ademais, engadimos agora", conclúe o TSXG, "tal dedicación, excesiva e fora do marco de calquera política de prevención, foi compensada pola empresa cunha degradación na xerarquía da empresa nos termos xa referidos unha vez a parte actora se reincorporou da incapacidade temporal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.