A crise económica derivada da COVID volve dar outro golpe, desta vez no sector téxtil, onde o grupo galego Adolfo Domínguez vén de anunciar un expediente de regulación de emprego (ERE) para recortar nun 30% o seu cadro de persoal en España, o que suporá o despedimiento duns 300 ttraballadores.
Así o anunciou a empresa ourensá nun comunicado á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), que prescindirá de perto dun terzo do seu plantel nun proceso para o que, anuncia, xa comezou a negociación coa representación sindical. Adolfo Domínguez explica que a "reestruturación de persoal inclúe un plan para volver á rendibilidade e un proxecto de evolución rápida cara aos novos modelos de produción e consumo".
A firma conta nesta altura con 348 puntos de venda en 18 países e a facturación do último exercicio económico (2019-20) ascendeu aos 115 millóns de euros. Desde hai unha década, e agás algunha excepción puntual, Adolfo Domínguez acumula perdas, máis de 8 millóns nese último exercicio.
Ao igual que noutras empresas do sector, como o caso do xigante Inditex, a viraxe ao negocio en internet inflúe de maneira clara tanto no peche de tendas como nas medidas de recorte de persoal.