A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense actuou gratis na voda da filla do deseñador ourensán Adolfo Domínguez o pasado 30 de xullo no pazo de Oca na Estrada. O propio ex presidente da Deputación, José Luis Baltar, contestou por escrito ao grupo socialista que “efectivamente é certo que un grupo de membros da Real Banda de Gaitas actuaron en dita voda”. A resposta feita por escrito e comunicada o pasado 18 de xaneiro engade que “o custo da actuación foi inexistente para a Diputación Provincial, asumíndose todos os gastos da actuación por parte do solicitante”. Segundo a versión de Baltar “a Banda de Gaitas pode realizar actuacións a solicitude de entidades privadas, sempre e cando os solicitantes asuman integramente o custo da actuación e non interfira coa programación de actividades programadas pola Real Banda de Gaitas”.
Porén, e en vista de que Adolfo Domínguez asumiu os custes, o grupo Socialista solicitou a factura da actuación para comprobar que o empresario particular abonara os gastos que supoñen o desprazamentos de persoas e equipos. Baltar volveu responder por escrito, o 20 de xaneiro alegando que “non existe ningunha factura de dita actuación, polo que non é posible atender a súa petición”.
Os socialistas tamén cualifican de irregular este procedemento e entenden que o ex presidente concorre en contradicións ao afirmar “nun primeiro momento que Adolfo Domínguez correra cos gastos e logo sinalar que non existe ningunha factura”.
Segundo distintos testemuños recollidos por Praza entre técnicos en dereito administrativo “no caso de que se prevea a actuación a petición de particulares o que corresponde é que dita intervención se someta ao previo pago dunha taxa ou prezo público, segundo corresponda, a través do cal compénsanse os gastos derivados da mesma (transporte, emprego de instrumentos e a parte do tempo correspondente ás horas empregadas na actuación)”. As explicacións dos especialistas van máis aló ao sinalar “se na regulamentación da banda non existe una disposición que prevea a prestación do servizo a petición dos particulares, ou existindo, non se liquida e non se esixe o pagamento da taxa ou prezo público, estaríase facendo un uso incorrecto dos recursos públicos e incumprindo o réxime legal aplicable aos ingresos das administracións locais e provinciais”.
Os socialistas tamén cualifican de irregular este procedemento e entenden que o ex presidente concorre en contradicións ao afirmar “nun primeiro momento que Adolfo Domínguez correra cos gastos e logo sinalar que non existe ningunha factura”. Tamén entenden que “ao final quen corren cos gastos de este agasallo son os cidadáns da provincia de Ourense”.