Critican que "as axudas da Xunta non se corresponden coa súa propia cualificación de situación catastrófica do marisqueo" e inciden en que "deberían facer público que porcentaxe das axudas se executaron para que poidamos diferenciar a propaganda da realidade"
Mariscadoras e representantes das agrupacións de marisqueo a pé da Illa de Arousa, Carril, Vilaxoán, Rianxo, O Grove e Noia denuncian que “a día de hoxe, a situación do marisqueo a pé é insostible” e critican a inacción do Goberno galego ante a crise que atravesa o sector. “Sentímonos totalmente abandonadas pola Xunta”, afirmaron este mércores nunha rolda de prensa desde Carril.
“As baixas cotas diarias e a caída de prezos non cubre as necesidades das nosas casas, malamente dan para pagar a seguridade social e a semente que temos que sementar para poder seguir subsistindo”, trasladan, nun contexto no que advirten de 5.300 euros de perdas por mariscadora no ano 2023, en relación ao quinquenio anterior, segundo datos do Informe sobre a economía de Galicia do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela.
As mariscadoras alertan de que as axudas anunciadas polo Goberno galego non teñen en conta o que poñen do seu peto para a semente, coa que se mantén viva a reprodución do marisco nas rías. “En outubro do ano pasado tivemos una riada que a Xunta mesma cualificou de ‘catastrófica’. Así llo esixiu o conselleiro do Mar ao Goberno central, que declararan zona catastrófica as rías galegas afectadas”, lembran, para explicar que “un ano e dous meses despois a Xunta sacou unha única axuda de 550 euros, pago único”.
Esta achega económica, segundo denunciaron este mércores, non chegou a todas: “Moitas quedamos sin cobrar porque para eles gañar en tres meses 3.000 euros é moito gañar. Nin se molestaron en calcular canto nos quedaba despois de pagar seguridade social e semente. Desde logo, as axudas da Xunta non se corresponden coa súa propia cualificación de situación catastrófica do marisqueo. Deberían facer público que porcentaxe das axudas se executaron para que poidamos diferenciar a propaganda da realidade”.
"As baixas cotas diarias e a caída de prezos non cubre as necesidades das nosas casas, malamente dan para pagar a seguridade social e a semente que temos que sementar para poder seguir subsistindo", denuncian
O pasado 12 de agosto publicouse unha axuda financiada con fondos europeos para o marisqueo por un total de 1,25 millóns de euros. Un importe que consideran “claramente insuficiente para termos unha cantidade digna por mariscadora” porque –detallan– “hai que facer unha media dos días traballados nos tres anos anteriores, é dicir, non ten en conta que tivemos riadas e non puidemos traballar”. De media, contan que lles saen entre 20 e 60 días ao ano, dependendo do que puidera traballar cada agrupación.
“No caso de Carril tivemos riada no ano 2021 e en decembro de 2023. Coa achega de 91 euros por día, multiplicada polos 31 días que nos sae que traballamos, corresponderíannos 2.400 euros por seis meses. 400 euros ao mes. Pois a día de hoxe estas miserentas contías están sen abonar e estes meses nós seguimos limpando, vixiando, pagando a seguridade social e a semente”, asegurou a presidenta do colectivo de mariscadoras de Carril.
"A consecuencia de todo isto é que a xente abandona o mar porque non hai salarios dignos", lamentan
“Con 400 euros ao mes pensan reverter a situación que ten o marisqueo hoxe en día? A consecuencia de todo isto é que a xente abandona o mar porque non hai salarios dignos. Cando entrei na agrupación hai sete anos eramos 93 mariscadoras en Carril e agora mesmo quedamos 59, pero en 2025 seremos 54 porque cinco xa se van xubilar”, agrega a mariscadora de Carril.
“A ría necesita unha rexeneración seria dos bancos marisqueiros e o saneamento integral para cortar a contaminación, que non nos tomen o pelo. A Xunta anunciou propagandisticamente que pagou no pasado mes de novembro 45.000 euros por 400.000 unidades para sementar catro confrarías. É positivo? Si, pero é unha moi pequena contribución que anunciaron como se fose unha marabilla. Para contextualizar, nós, do noso peto e sen ter apenas ingresos, sementamos cada ano entre 60.000 e 80.000 euros cada agrupación”, aseveran os colectivos do sector do marisqueo, que chaman a participar na manifestación deste domingo, día 15, en contra da instalación da celulosa de Altri e Greenfiber na Ulloa, un proxecto que tamén afectaría á auga da ría de Arousa.